O Concello de Ponteareas amosa a súa felicidade. Aplaude a todas e todos os participantes que na última edición da Feira dos Remedios acudiron vestidos de galegas e galegos de principios do século XX facendo que cada vez sexan máis os que deixan no roupeiro a moda contemporáneo para ataviarse de acorda á ocasión.
A tenente de alcalde e concelleira de Eventos, Cristina Fernández, salienta desta última edición o incremento do número de participantes que acudiu vestidos de época e a maior participación do tecido comercial que decorou os escaparates contribuíndo a ambientar as rúas e espazos urbanos.
Nesta edición, a Feira dos Remedios levouse a máis recunchos da vila acollendo a Praza da Música a zona de xantar cun pulpeiro, entre outras ofertas gastronómicas, e o gando volveu ao seu punto de orixe no parque da Feira Vella. “Con isto conseguimos que houbera máis tránsito e fluxos de movementos de persoas deste xeito deuse máis visibilidade aos comercios e hostalería local”, engadiu Cristina Fernández.
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Lingua, Fernando Groba, adianta que a Feira do Gando foi un dos puntos máis visitados amosando o público un grande interese por coñecer as razas autóctonas de Galicia e polas demostracións do poni club coa exhibición de salto ateigando o xardín do IES Val do Tea e as do Club Hípico Char coa representación de andadura por Puraga, así como o monográfico ofrecido polo Club Can de Palleiro.
Outro evento que rexistrou un importante éxito foi a degustación gratuíta de carne ecolóxica de poldro que agasallou a Asociación de Criadores de Cabalos de Pura Raza Galega (Puraga) que esgotou as 120 hamburguesas que traían en menos de 30 minutos. O outro atractivo da feira que tivo moi alta demanda foron os paseos en carruaxe de cabalos que todo o público puido gozar de balde e o photocall rexistrou máis visitas tirando máis fotos que en anteriores edicións. Todos os que pasaron por alí tiveron o dereito a participar no sorteo de cinco cestas de produtos artesáns que se agasallaron.
A Feira dos Remedios ofreceu aos visitantes produtos artesáns de calidade e serviu de plataforma de promoción dos grupos folclóricos participantes no XXXII Festival Folclórico que, tamén por vez primeira, se integrou na programación da Feira.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Eva Gil, asegura que a Feira dos Remedios “é unha plataforma de promoción dos produtos artesáns pondo tamén en valor os nosos produtos e produtores locais” que tiveron a oportunidade de amosar a calidade dos cultivos da nosa terra.