Electra Alto Miño, principal empresa comercializadora de electricidade no concello de Salceda de Caselas, leva meses acometendo un importante proxecto de instalación de fibra óptica tanto no casco urbano como en diferentes puntos das sete parroquias. Así, a día de hoxe, o servizo está presente xa na vila da Esfarrapada, ademais de nos barrios da Pedra, a Serra, o Torrón, Altamira, Farrapeira e Gumil. No caso das parroquias de Parderrubias e Budiño, a rede está tamén xa estendida en Fontán e Valdeflores, Lavandeira, Piñeiro, Rega da Lama e Costeira. Nas vindeiras semanas a empresa acometerá tamén as liñas de Pedracarballa, Seixo Blanco e Eido Vello, e posteriormente actuará en Vendanova e Casás, na parroquia de San Xurxo. Pero Electro Miño Alto segue a proxectar novos tramos para executar de xeito inminente, coa intención de engadir 30 quilómetros de fibra aos máis de 60 xa existentes actualmente. O investimento a día de hoxe supera xa o millón de euros, cunha velocidade estándar de 100 megas de baixada e 10 de subida, aínda que a empresa está a ofertar tamén outras condicións adaptándose ás necesidades das persoas e entidades usuarias.
A instalación de fibra óptica supón enormes vantaxes sobre o uso do ADSL, destacando o feito de que manteña sempre a velocidade constante independentemente do número de persoas conectadas, xa que é moi difícil que sufra interferencias. Ademais alcanza sempre o máximo de velocidade contratada, a diferenza do que ocorre co ADSL, que no mellor dos casos chega ao 80 ou 90% da velocidade contratada.
O proxecto é, sen dúbida, unha moi boa nova para Salceda, sobre todo o feito de que tamén as zonas rurais do concello poidan ir beneficiándose da fibra que ata o de agora podían gozar os veciños e veciñas do casco urbano.
O alcalde de Salceda, Marcos Besada, destacou que a localidade "está de noraboa por poder contar con este novo servizo" e congratulouse de que a firma Electro Miño Alto "teña elexido o noso Concello para desenvolver a súa rede de fibra óptima e sobre todo por levala ata as parroquias".