O alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, e a concelleira de Sanidade, Teresa Vicente, asistiron na tarde de onte ao acto de entrega de galardóns polo Día Mundial dos Doadores de Sangue, no que a Axencia de Doazón de órganos e Sangue (ADOS) recoñeceu á Guarda como o concello con maior taxa de doazóns da provincia de Pontevedra.
Durante o acto, celebrado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, agradeceuse o labor dos doadores e doadoras e púxose en valor o seu carácter solidario, grazas ao cal Galicia mantense dende hai 18 anos consecutivos dentro dos índices recomendados pola OMS e por riba da media de doazón estatal.
Segundo informou a directora da axencia, Marisa López, na Guarda rexistráronse 82 doazóns por cada 1.000 habitantes en 2017, o que a converte nunha das localidades galegas con maior taxa de doazón. Xunto á guarda, foron galardoados Padrón, o concello que encabeza as doazóns na provincia da Coruña e a nivel autonómico cunha taxa de 105/1.000; A Pobra de Trives, coa maior participación en Ourense (69/1.000); e o concello de Meira, coa maio taxa de doazón da provincia de Lugo (49/1.000).
As doazóns en Galicia
Este ano cúmprense 25 anos dende o inicio das campañas de doazón de sangue altruísta en unidades móbiles en Galicia, o que permitiu -segundo ADOS- pasar de ocupar o derradeiro posto en índice de doazón a situarse entre as comunidades máis solidarias a nivel estatal. Durante 2017, rexistráronse en Galicia 108.656 doazóns de sangue.