A Guarda musealizará en 2019 as salinas do Seixal, parte do maior complexo do Imperio Romano

Publicidad

O Concello da Guarda vén de rematar os traballos previstos no proxecto “A Guarda, Mar de Sal” de escavación das Salinas do Seixal que se iniciaron o pasado 24 de setembro e que deixaron achádegos impresionantes.

A investigación, encabezada por Brais Currás e Mar Cortegoso, deu pé a unha importante novidade: estas salinas forman parte do maior complexo de explotación do sal mariño ata agora documentado de todo o Imperio Romano, que estaría formado por máis zonas salineiras da fachada atlántica do noroeste peninsular, emprazadas en Vigo, Cangas, Oia, Viana do Castelo e Matosinhos.

Durante o transcurso destas escavacións, apareceron estruturas iguais ás documentadas nas salinas de Vigo, moi características da época romana, e que non deixan dúbidas sobre a súa cronoloxía. Ademais, os materiais documentados na salina son semellantes aos achados no castro do monte Trega da Guarda, o que confirma a relación entre estes dous espazos e a súa ocupación parcialmente sincrónica no tempo.

Agora, unha vez finalizado o traballo de campo desta primeira fase, e seguindo indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio, procedeuse á cubrición do xacemento con fibra xeotéxtil para evitar o seu deterioro. Proximamente, unha vez que arqueólogos e restauradores valoren e decidan o xeito máis axeitado de intervención, procederase á súa restauración e consolidación definitiva.

Será no 2019 cando se leven adiante outras iniciativas como a musealización do xacemento e se publicarán os resultados das investigacións iniciadas xa que aínda quedan moitas dúbidas por despexar. Grazas ás investigacións levadas a cabo sábese que as salinas son romanas, pero hai que afinar a súa cronoloxía con datacións mediante carbono 14 e coa datación dos pavimentos por termoluminiscencia; probas técnicas que confirmarán, máis polo miúdo, o que xa se pon de manifesto tralas escavacións: a importancia destas salinas para o Imperio Romano e que estas forman parte dun complexo moito maior.

O obxectivo deste proxecto bianual é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.

Salir de la versión móvil