A inmunóloga África González, unha das docentes da Universidade de Vigo, recibirá este martes, 15 de marzo, o X Premio de Igualdade Ernestina Otero de parte do Concello de Vigo. A catedrática conta cunha traxectoria científica moi destacada e cunha importante proxección social. Esta bagaxe, "absolutamente extraordinaria como investigadora e na vixilancia da saúde de tantos cidadáns de toda España", en palabras do alcalde de Vigo, Abel Caballero, é a que lle recoñece o Concello ao outorgarlle o galardón. O acto celebrarase no Auditorio Municipal do Concello ás 20:00 horas.
A catedrática recoñece que recibe este premio "con moita alegría", xa que é un "premio de Vigo, do Concello e da Concellería de Igualdade" e tamen polo que "representa a figura de Ernestina Otero, unha educadora, pedagoga que loitou pola igualdade da muller modificando os canons establecidos na educación na escola".
Compaxinar docencia, investigación e emprendemento coa vida familiar e social
Doutora en Medicina e Cirurxía e catedrática de Inmunoloxía, África González é tamén académica da Real Academia de Farmacia de Galicia e foi, entre 2009 e 2019 directora do Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio e, entre 2016-2020, presidenta da Sociedad Española de Inmunología. Nos últimos dous anos, destacou polo seu papel divulgativo sobre a pandemia da Covid-19, formando parte do comité de expertos que asesora ao Concello nesta materia. Tamén deu o paso ao mundo empresarial, sendo copromotora da spin-off NanoImmunoTech.
Combinar todas estas tarefas e facetas e facelo con éxito, para ela, ten só unha receita: "poñer paixón, moitas horas de dedicación, esforzo e perseveranza". Destaca que conseguilo é "unha carreira de fondo" para a que é preciso "crer no que fas, rodearte dos mellores e aprender a delegar". Lembra que alguén lle recomendou que se atopaba un traballo que lle gustase, non traballaría máis, e esa é parte clave, "que che guste o teu traballo". Neste sentido recoñece que ten a sorte de contar cun "grupo excepcional" na Universidade e que lle gustaría "ter máis financiamento para poder facer moitas máis cousas", pero tamén destaca a importancia de saber organizarse para compaxinar a vida profesional coa familiar e social, "un difícil equilibrio que eu sempre tentei manter".
Pero conseguir ese equilibrio é moi complicado, sobre todo para as mulleres. Recoñécese "moi afortunada" e destaca que a educación que recibiu estivo sempre orientada a converterse nunha "muller independente e autónoma e, por tanto, debería formarme para poder ter esa autonomía económica e tamén mental". Pero o camiño non estivo libre de atrancos e a catedrática lembra como tivo que enfrontarse a comportamentos machistas, como cando nunha oposición lle preguntaron se se vía compatibilizando a maternidade coa investigación e a docencia ou cando, nunha rolda de financiamento, lle dixeron que as empresas promovidas por mulleres universitarias estaban abocadas ao fracaso. "Creo que demostrei que estaban equivocados os dous".
Na procura dunha igualdade real e efectiva
González recoñece que en tan só unha xeración "se ten mellorado moito, pero aínda queda moito por percorrer; non hai unha igualdade real nin efectiva". Neste sentido destaca a importancia de erradicar a violencia de xénero e tamén a violencia dixital, "que está en auxe". Considera que na sociedade segue a haber "moitos comportamentos que, ás veces, nin nos damos conta, pero son micromachismos" e considera prioritario traballar na educación nos colexios, nas familias, nas empresas, nas institucións… "queda moito por facer".
Un dos exemplos aos que se refire a docente e investigadora é a fenda de coidados que provocou que a produción científica das mulleres investigadoras se reducise respectos á dos homes. "Pode haber moitos condicionantes persoais e familiares, pero hai un sentido do deber, de culpa, que teñen en xeral as mulleres, de que deben ser elas as que deben ocuparse dos coidados. Ata que no exista unha co-responsabilidade real, a todos os niveis, non se conseguirá unha sociedade máis xusta, máis libre e máis equilibrada", destaca.
A falta de referentes femininos
Outra das fendas de xénero que persisten é a relacionada coa falta de referentes femininos en determinados eidos do coñecemento e da ausencia de mulleres en certos sectores, unha eiva contra a que a docente da UVigo ten loitado a través de charlas e conferencias en centros escolares, xornadas de portas abertas nos laboratorios do Cinbio ou outro tipo de propostas para visibilizar o papel das mulleres na ciencia e nas titulacións STEM. Destaca que nos libros de texto a presenza feminina é case inexistente, a maioría de nenos e nenas "non coñecen as grandes científicas, inventoras, escritoras ou pintoras". Como mostra desa realidade, González explica que a busca en Google da palabra "xenios" dá como resultado imaxes de persoeiros como Einstein ou Stephen Hopkins; pero coa palabra xenias os resultados son os debuxos Shimmer & Shine.
Con todo, en titulacións de ciencias, como Bioloxía, Medicina, ou Enfermaría as alumnas son maioría, aínda que o problema está nunha escala superior, nos postos de responsabilidade. "Existe unha tesoira clara con menor número de profesoras titulares, menos catedráticas, menos directoras de departamento, xefas de servizo en hospitais, directoras de centros, reitoras. Claramente hai menos mulleres nos postos directivos e temos que preguntarnos por que; cales son os motivos e de que maneira se pode ir solucionando".
Máis preocupante é a falta de presenza feminina nas titulacións técnicas, como as enxeñarías, que dan acceso ás profesións máis demandadas e con mellores condicións laborais. "O futuro estará neste tipo de traballos, e a muller non debe quedar fóra. Había moi boas matemáticas e informáticas hai anos, pero foise producindo unha diminución do interese por estes graos", algo que para González é "preocupante e nos debería facer reflexionar sobre as causas".
Unha voz recoñecida durante a pandemia
Nos últimos dous anos, a presenza de África González nos medios de comunicación e os foros de divulgación incrementouse substancialmente, converténdose nunha das voces de referencia sobre a pandemia para boa parte da cidadanía galega e estatal.
"Foi unha experiencia intensa pero moi gratificante" que lle permitiu axudar a resolver as dúbidas que ía xurdindo sobre o virus, o sistema inmunitario, as pandemias, etc. "O que sempre me propuxen", explica, foi "ofrecer información veraz, contrastada e evitar os bulos, pero isto require de intenso traballo de forma continuada". Esta bagaxe serviulle, ademais, como punto de partida para publicar "Inmuno power: Conoce y fortalece tus defensas", un libro divulgativo en formato de preguntas e respostas que publicou en 2021.