No marco do proceso participativo sobre o fenómeno do botellón, o concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó e o de Bo Goberno, Roberto Mera, mantiveron un encontro cun cento de mozos e mozas, a maioría participantes no botellón dos sábados noite. Os concelleiros salienta o alto nivel de participación e de implicación da mocidade presente que quixo ser protagonista e responsable dos asuntos que lle afectan.
Na reunión, os asistentes coincidiron en afirmar que o botellón é unha forma “asequíbel economicamente de acceder ao alcohol” pero salientaron que o máis importante para eles é que “se trata dunha forma de encontro e socialización que non sería posíbel nos locais de ocio nocturno”, pola limitación de espazo e pola dificultade de conversar como consecuencia da música.
Os mozos e mozas foron unánimes á hora de sinalar que non precisan música no botellón, polo que ven correcta a decisión do goberno de impedir o uso de equipos de amplificación na Feira Vella. Asemade, os asistentes foron críticos cos comportamentos incívicos, como ouriñar en lugares públicos ou berrar, e de forma unánime amosáronse favorábeis a que se persigan e castiguen esas actitudes. Neste punto matizaron que eses comportamentos prodúcense ao rematar o botellón e abandonar a Feira Vella e que non son comportamentos exclusivos de mocidade que practican o botellón, senón tamén doutros que acoden a locais de ocio. Neste sentido, segundo explican dende o Concello, amosáronse partidarios de que se sancione o incivismo con traballos para a comunidade. Segundo os mozos e mozas, os comportamentos incívicos son minoritarios e puntuais pero afectan inxustamente á imaxe de todos os que fan botellón. En todo caso, os asistentes fixeron tamén autocrítica respecto á acumulación de lixo que se produce na Feira Vella por ser un comportamento xeralizado da maioría dos que participan no botellón.
Respecto á zona do botellón, os asistentes advertiron que pechar a Feira Vella provocaría a dispersión da xente e máis problemas de convivencia, amosáronse convencidos de que se se prohibise o botellón este non desaparecería e sinalaron que a reubicación noutro lugar funcionaría sempre que non se alonxase excesivamente da zona de ocio nocturno.
Por outra banda, amosáronse escépticos ante a posibilidade de organizar actividades de ocio nocturno alternativas sen alcohol, ao considerar que os asistentes ao botellón non cambiarían esa opción por actividades que non lles proporcionan a mesma diversión.
Sobre o consumo de alcohol advertiron que existe certa presión ambiental para consumilo, ao converterse nunha forma de integración no grupo, e recoñeceron un certo grao de comprensión por parte de pais e nais porque a cultura do consumo do alcohol está moi instalada na sociedade.