A Escola Infantil da Guarda está cerca. O Concello e a Xunta firmarán nos vindeiros días un convenio que facilitará a construción do tan demandado centro despois de anos de xestións do goberno guardés. Ante a necesidade de contar con máis prazas de atención á infancia de 0 a 3 anos no municipio baixomiñoto, o alcalde Antonio Lomba tomou a decisión de encargar e financiar, por conta do concello, o proxecto de construción da nova Escola Infantil, que estará emprazada na parcela municipal que actualmente ocupan as que foron vivendas de mestres do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde.
A consellería de Política Social remitiu fai uns días o borrador do convenio que comprometerá a Xunta e Concello na execución da obra. O goberno que dirixe Antonio Lomba sinala que esta actuación representa un importante investimento para o concello guardés. Un esforzo que o propio rexedor considera urxente e prioritario para a vila. “Esta actuación é unha necesidade para avanzar realmente na conciliación da vida familiar e laboral, mellorar a calidade da vida das veciñas e veciños, sobre todo os máis novos, e formar parte das políticas contra a crise demográfica, orientadas a frear a diminución de poboación na localidade”.
O Concello da Guarda levará a pleno a aprobación do proxecta desta nova Escola Infantil. O custo da obra ascende a 691.747 euros dos cales o Concello terá que aportar 281.747, ademais de facerse cargo do custo da redacción do proxecto.