A ocupación hoteleira en Pontevedra durante a Semana Santa rozou o 70% a pesares do mal tempo

Publicidad

A presidenta da Deputación de Pontevedra compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta dos resultados de ocupación hoteleira media da provincia de Pontevedra durante a Semana Santa que foi do 68,3%. Silva valorou positivamente estes resultados que superan ata en máis de seis puntos a estimación realizada antes deste período, cando se prevía unha ocupación hoteleira do 62%.

Carmela Silva subliñou que “xa cando demos a coñecer as nosas previsións asegurábamos que existía incerteza debido ao anuncio dun tren de borrascas que ao final si tivemos e deixou choivas a maior parte dos días de vacacións”.

A comarca de Vigo obtivo unha ocupación media do 61%, moi por riba da estimación prevista que se situaba no 50%. Pola súa banda, a comarca do Baixo Miño acadou un 65%, e O Morrazo superou ata en 15 puntos as estimacións efectuadas pola Deputación, chegando ao 59% de ocupación definitiva.

Pontevedra, cunha ocupación do 83,5%, “foi a comarca con mellores resultados da provincia. Incluso os propios representantes do sector sinalan que moita xente que tiña previsto acudir a outros puntos da provincia finalmente veu pasar os días ata esta comarca”, destacou Carmela Silva.

A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer a variación interanual na provincia de Pontevedra destacando que, “se comparamos o mes de marzo do 2018 co mesmo mes do ano anterior, este ano os datos foron moito mellores xa que a ocupación foi tres puntos superior á obtida en marzo do 2017, é dicir, un 43% este ano fronte ao 40% do pasado”.

En canto ao turismo rural, Carmela Silva informou que acadou unha ocupación do 47,42% na provincia de Pontevedra. “Se atendemos ao conxunto do mes de marzo – asegurou a presidenta provincial- os datos foron moito mellores que os acadados o ano pasado, con máis de 13 puntos por riba do obtido en marzo do 2017 cando se rexistrou unha ocupación nos establecementos de turismo rural do 10% fronte ao case 24% de marzo deste ano”.

Salir de la versión móvil