A paixón polos animais e o coidado da natureza convértense en obra de arte en Tomiño

Publicidad

As nenas e nenos de “Voces Novas” solicitaron ao Concello o pintado dun mural co obxectivo de disimular unha das medianeiras que afean o entorno de Tomiño e o Concello acolleu de bo grado esta iniciativa que busca acabar co “feísmo” na vila.

O Consello da Infancia realizou unha enquisa entre o alumnado do IES e das escolas de Tomiño para decidir, democráticamente, a temática do mural. Por unha ampla maioría, o ganador foi o medio ambiente ou a natureza, uns temas cos que as novas xeracións tomiñesas están moi concienciadas.

No proceso de selección, “Voces Novas” contactou con varias artistas para explicarlles a súa proposta e, finalmente, foi Lidia Cao a persoa elixida, pois entendeu á perfección o que estaban a pedirlle. As nenas e nenos do Consello da Infancia e a Mocidade querían reflectir no mural a súa implicación no coidado do medio ambiente e a súa relación de respecto e admiración pola natureza.

O boceto, transformado xa nun mural de 147 metros cadrados na parede dun edificio da rúa República Arxentina, é a imaxe dunha rapaza cun paxaro na cabeza e o perfil dun can, un deseño vangardista, bello, directo, que mellora o aspecto da zona á vez que reinvindica a paixón polos animais e un profundo respecto pola natureza, a mensaxe que “Voces Novas” pretendía enviar ao conxunto da sociedade.

Lidia Cao é técnica superior en Ilustración pola EASD Pablo Picasso de A Coruña. Ten participado cos seus traballos en festivais de arte urbano dentro e fóra de España, e a pesares da súa curta idade xa se ten posicionado como unha das máis importantes artistas nacionais dentro do seu campo.

A posta en marcha do órgano de participación infantil e xuvenil “Voces Novas” de Tomiño é unha das acción levadas a cabo polo concello de Tomiño para conseguir o selo de Cidade Amiga da Infancia concedido por Unicef, que recoñece o labor dos municipios a prol de mellorar as condicións de vida dos nenos, nenas e adolescentes, a súa participación activa na vida municipal e a promoción e implantación de políticas locais que garantan o seu desenvolvemento integral cun enfoque de dereitos.

Salir de la versión móvil