A profesora da UVigo, Belén Riveiro, premio RAGC-UIE para investigadores novos

Publicidad

A Real Academia Galega de Ciencias e a Universidad Intercontinental de la Empresa acaban de resolver a primeira edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores novos. A profesora da Universidade de Vigo Belén Riveiro é unhas sete mulleres distinguidas con estes galardóns, que nacen co obxectivo de impulsar a investigación científica en Galicia, dando recoñecemento e potenciando as traxectorias de investigadoras e investigadores novos que desenvolven a súa carreira en centros da comunidade, contribuíndo ao impulso do coñecemento científico como motor de progreso.

Riveiro, profesora do Departamento de Enxeñaría dos materiais, mecánica aplicada e construción e investigadora do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas do Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, foi distinguida polas súas achegas ao avance das Ciencias Técnicas, en concreto polo seu labor na avaliación de estruturas de enxeñaría civil para previr colapsos en pontes, estradas e vías férreas.

Para min é unha honra recibir o recoñecemento á miña traxectoria por parte dunha institución tan prestixiosa como é a RAGC. Paréceme moi importante a existencia de iniciativas que traten de visibilizar o talento e a excelencia dos investigadores durante a etapa na que, quizais, se realizan os maiores esforzos por chegar a consolidar unha carreira académica excelente”. Ademais, engade, “como muller que trata de compatibilizar a carreira académica coa maternidade, recibo este premio como un impulso para seguir apostando pola ciencia excelente”.

Intelixencia artificial

O xurado apostou pola candidatura de Belén Riveiro por liderar novidosas liñas de investigación que combinan a enxeñaría estrutural, a teledetección e a intelixencia artificial para a avaliación de estruturas de enxeñaría civil como pontes, estradas e vías férreas, permitindo diagnosticar a súa saúde e poder así anticipar a aparición de posibles colapsos. Riveiro participa en proxectos nacionais e internacionais e ten publicado os seus resultados en revistas como Nature, que recolleu un traballo seu sobre os riscos aos que se enfrontan as pontes. Recibiu en 2022 o Premio Nacional de Investigación Matilde Ucelay para novos investigadores e é autora de seis patentes e catro rexistros de software e o financiamento captado como investigadora principal supera os 5,5 millóns de euros. O seu prestixio nacional e internacional levouna a coordinar a Red Nacional en monitorización e inspección para la evaluación de estructuras en servicio, que aglutina os grupos de investigación máis recoñecidos en España neste eido para evitar colapsos. Destaca así mesmo a súa dedicación á divulgación científica, especialmente enfocada a remarcar o papel da muller nos campos máis masculinizados.

Outras galardoadas

Ao certame, que ten unha periodicidade bienal, poden presentarse persoas investigadoras que non superen os 40 anos de idade, ou os 42 no caso das mulleres que fosen nais ou das persoas con algunha discapacidade. Cunha dotación de 5000 euros para cada un dos tres premios, a esta primeira convocatoria presentáronse 63 propostas. Xunto con Riveiro, na categoría de Ciencias Básicas a galardoada é Beatriz Pelaz, da USC, que traballa no desenvolvemento de nanomateriais para lograr fármacos máis eficientes e en Ciencias Sociais o recoñecemento corresponde a Cristina Gómez, da USC, dedicada a estudar o comportamento das persoas en contextos de crises sociais e políticas.

Ademais tamén se entregaron catro accésits: no eido das Ciencias Básicas a Susana Ladra, da UDC e a Iria Gómez, da USC; nas Ciencias Técnicas a Sara González, da USC; e en Ciencias Sociais a Ariadna Monje, da UDC. Os galardóns entregaranse nun acto que se celebrará en decembro.

Salir de la versión móvil