A rebaixa de impostos no Porriño non logra o apoio do pleno municipal

Publicidad

A proposta de reducción de impostos que o Goberno Municipal do Porriño levaba onte a pleno non conseguiu o respaldo dos grupos da oposición. As dúas modificacións das ordenanzas fiscais que contemplan bonificacións no IBI e no ICIO quedaron sobre a mesa a petición do grupo municipal do PSOE, que contou co respaldo de BNG, EU SON e os dous concelleiros non adscritos, Manuel Carrera e Lourdes Moure.

A proposta do executivo contemplaba bonificacións no IBI do 30% da cuota íntegra para os inmobles que non dispoñan de conexión á rede de saneamento, do 90% e 50% para familias numerosas e de ata un 90% naqueles inmobles urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que creen postos de traballo. Tamén pagarían menos aquelas vivendas que instalaran sistemas de eficiencia enerxética, con bonificacións do 50% da cuota durante cinco periodos impositivos para a finalización ou obtención da obra.  A modificación incorporaban bonificacións no ICIO do 95%  naquelas declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concurrir circunstancias sociais, culturais, histórico-artístico ou de fomento do emprego; do 60% para as obras e construcións necesarias para a posta en marcha de proxectos empresariais e do 30% sobre as instalacións de sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo, que no caso de tratarse dunha vivenda de uso residencial ascendería ao 95%.

“Presentamos unha proposta viable e responsable co único fin de paliar a carga fiscal sobre a veciñanza nos tempos tan complicados que estamos a vivir”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, quen defendeu que contaba "cos pertinentes informes e estudos financieiros para ser aprobado polo pleno" co obxectivo de que puidera entrar en vigor no 2023.

Pola contra, a oposición defendeu en bloque que as propostas non contaban con diálogo nin acordo político e pediron que se deixaran sobre a mesa para realizar un estudo económico sobre o impacto das mesmas. Por parte do PSdeG, David Alonso, cargou contra o "interese electoralista imitando o que fixo a anterior primeira ministra británica prometendo o ouro e o mouro" e alertou sobre que a medida implicaría o incumprimento do plan de estabilidade financeira ao que está sometido o Concello.

Dende EU Son pediron aprobar as modificacións "con cabeza e progresividade", unha medida que consideran "necesaria pero non así a correr", mentres que o BNG insistiu no estudo económico que acredite o "equilibrio das contas" aprobando unha modificación "para facer máis xustos os impostos municipais". 

Salir de la versión móvil