“Duros e traballosos, pero con moita ilusión”. Así define José Font, director da Radio Municipal de Tui, os comezos dunha emisora que a pasada semana cumpría un cuarto de século alzándose como referencia informativa no Baixo Miño.
Aquela radio de fai 25 anos era moi diferente a actual. Un grupo de mozos e mozas da comarca decidiron poñer en marcha un medio no que investían xornadas de dez ou doce horas cun material nada suntuoso, pero no que arroxaban toda a súa creatividade e ilusión. Parte daquel equipo inicial creceu coa Radio Municipal e logrou situala como case que a única supervivente dun xermolo de pequenos medios e emisoras que na década dos 90 agromaba nas comarcas galegas. Porén, o que hoxe e orgullo de boa parte dos tudenses naceu de casualidade á sombra.
A Radio Municipal de Tui non era a aposta de referencia daqueles mozos, senón que era a “irmá pobre” da verdadeira estrela, a televisión local. A primeira experiencia coa televisión chegou da man da Feira Agrícola Industrial do Baixo Miño de 1992, hoxe desaparecida. Un ano máis tarde, a Radio Municipal de Tui estreaba a súa programación para seguir “o río que nos leva”.
Aqueles mozos que enchían de ilusión e contidos os medios de comunicación municipais pronto se decataron de que encher una grella de programación sen apenas orzamento e persoal non era sostible. A televisión municipal cesaría seis anos despois. Con poucos recursos, a radio pasou de estar á sombra a, paseniñamente, ser o medio preferido pola veciñanza para informarse. En 2007, último ano do que se dispoñe de estatísticas, a RMT logrou 12.000 oíntes diarios, segundo o EGM, sendo, de lonxe, o medio con maior penetración no Baixo Miño.
Outro dos rostros, ou das voces, de referencia neste 25 anos é Beti Rey, editora dos servizos informativos. A emisora marcou a súa vida até modificar incluso a súa profesión para acabar namorándose das ondas. Rey é, hoxe, unha firme defensora dos medios de proximidade. “Nun mundo tan global coma o que vivimos, o local ten aínda máis importancia”, explica á vez que apunta que “hai cousas que soamente nos imos contar, non serán grandes titulares pero os nosos veciños requiren desa información local”.
Porén, calquera medio público ten sempre sobre a crisma os anteollos da devecida intromisión política sobre a información. Contar cun altofalante co que poder controlar o que se conta é, acotío, unha tentación entre políticos sen respecto pola liberdade de expresión. Neste senso, a RMT conta polo de agora co favor dos seus oíntes e, habitualmente, ofrece “micros abertos” a todos os grupos políticos do concello, non soamente ao Goberno. O seu director, Jose Font, asume que “somos unha emisora municipal e non podemos facer xornalismo de investigación”, pero a continuación deixa claro que “somos un servizo público e, polo tanto, plural”. Para Font, o feito de que non ter sido “nunca motivo de debate” é o garante da súa pluralidade. O feito é que a emisora pasou xa por varias mocións de censura no Concello e por gobernos de todas as cores políticas lográndose o respecto e a independencia de todos eles.
25 anos máis tarde, o equipo inicial formado por José Font, Bey Rey e Javier Martínez continúa, día a día, saudando cada mañá a toda a comarca. Xunto a eles, máis de 250 persoas teñen colaborado coa súa programación para lembrar que, dende o nivel máis próximo tamén se pode, e se debe, facer xornalismo.