A senda do río Landres, en Salceda, aumenta o seu percorrido e servizos

Publicidad





Salceda continúa ampliando os espazos verdes e de ocio cos que fomentar un estilo de vida saudable. Nos últimos días, o Concello vén de rematas as obras do novo tramo da Senda do Río Landres, correspondente ao espazo entre O Seixo e o Muiño da Pereira.

O proxecto, cun orzamento de 105.252,18€, enmárcase dentro do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra, e foi executado pola empresa adxudicataria FECHI.

Este novo tramo ten unha extensión de 789 metros e está perfectamente acondicionado para persoas con discapacidade. Durante o percorrido instalaranse diversos bancos, así como a pertinente sinalización no principio e final da senda coas limitacións de uso da mesma.

O proxecto enmárcase dentro do programa de actuacións previsto polo Concello de Salceda de Caselas encamiñadas á recuperación, creación e posta en valor de espazos destinados a uso público para o recreo das veciñas e veciños do municipio, así como das e dos visitantes.

Coa ampliación, o alcalde, Marcos Besada, considera que “a nosa rede de sendas fluviais están a ser referencia xa polo país adiante, polo que seguirá a ser unha importante aposta para este Goberno”.




Neste caso recuperouse unha zona en estado de abandono para usos recreativos, aproveitando o entorno na marxe do Río Landres, que dará continuidade ao tramo de senda xa existentes entre O Torrón e O Seixo, e enlazará tamén coa Senda da Lagoela a escasos metros. O Concello de Salceda continúa así na súa constante recuperación dos seus ríos, así como do seu entorno, coa construción duns paseos que son xa sinal de identidade do municipio.

Para a construción deste novo tramo foi necesario contar coa colaboración dos veciños e veciñas propietarias dos terreos polos que transcorre a nova senda, unha colaboración que agradece a concelleira de Medioambiente, Carla Pérez.

Salir de la versión móvil