Sufriu a furia dos Irmandiños e de Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido como Pedro Madruga, pero 545 máis tarde volver a rexurdir grazas aos traballos do Concello de Moaña, da Deputación de Pontevedra, da Comunidade de Montes e de Árbore Arqueoloxía. Despois de descubrir as súas bases e consolidar os traballos de escavación e rehabilitación parcial, cos materiais orixinais, espérase que se poida permitir o acceso aos visitantes neste mesmo mes de xuño. A Torre de Meira volve vislumbrar a costa moañesa.
Situada no Monte da Torre, nun miradoiro excepcional sobre a ría de Vigo que non deixa a ninguén indiferente, a Torre de Meira fora construída a finais do século XIV ou probablemente a comezos do XV. Porén, a Revolta Irmandiña arremeteu contra ela sobre o 1467 e finalmente Pedro Álvarez de Soutomaior ordenou finalmente derribala por completo até que non quedara nada dela no ano 1476. Dende entón é obxecto de lendas e mesmo da nome ao monte no que se atopa, pero até agora non foi posible imaxinar a importancia real e o tamaño desta construción que está mais próxima a un castelo que a unha torre, segundo indica o concelleiro responsable, Odilo Barreiro.
Agora, as obras de restauración e sinalización da Torre están a piques de rematar e só faltan algúns traballos de consolidación e protección no interior que poderían estar finalizadas de non ser polo mal tempo das últimas semanas. A previsión e poder finalizar a rehabilitación parcial e permitir o acceso aos visitantes ao longo de xuño.
Os restos de Meira xa tiveran unha intervención anos atrás (1976) pero con escasa visibilización. “Con esta actuación visibilízase a base e súbense varias ringleiras de pedra que permiten ver a dimensión real da torre”, explicou Edilo Barreiro, que engadiu que na zona haberá un panel explicativo no que se apunta que había un foso e unha muralla que deixaban no interior un patio de armas amplo. “Máis que dunha torre pódese falar do Castelo de Meira”, indicou.
De feito, a sorpresa sobre a dimensión total desta construción está a facer que o Concello non descarte avanzar na posta en valor do conxunto medieval que hai na zona, con máis elementos a recuperar. “Sería interesante traballar no patio de armas, no que hai un posible alxive, ou noutros elementos de construcións auxiliares da torre de vixía. Tamén se podería facer unha actuación na muralla porque parece indicar que conta con alomenos un torreón semicircular. É moi interesante seguir avanzando”, subliñou o concelleiro.
Xunto coas bases da torre, a excavación puxo ao descubertos outros achádegos da época, como son dúas moedas, unha cruz de bronce que formaría parte doutro elemento -un cinto ou algunha caixa-, cerámica medieval e incluso un dente de xabarín.
Para realizar os traballos, a Deputación achegou tres cuartas partes do orzamento para realizar a actuación de mellora, 11.274 euros dos máis de 14.800, grazas á ‘Liña de subvencións para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural’ provincial, segundo lembrou a deputada María Ortega, que puxo de manifesto que os traballos feitos son “un claro exemplo da necesidade desta liña de axudas provincial que poñen en valor o patrimonio da provincia e oriéntano cara a fomentar un turismo sustentable”.
Pola súa parte, a alcaldesa Leticia Santos, que visitou a Torre este xoves cos representantes provinciais e da empresa de arqueoloxía, agradeceu a achega provincial e subliñou que para o Concello de Moaña a torre é un recurso turístico moi importante e tamén un motivo de orgullo para a veciñanza de Meira e de todo Moaña.