A Universidade colabora co Concello na posta en marcha da Axenda Urbana de Vigo

Publicidad

Un equipo multidisciplinar de docentes da Universidade de Vigo porase este mes mans á obra na elaboración de diferentes estudos que facilitarán a posta en marcha da denominada Axenda Urbana de Vigo. Así se estipula nun convenio de colaboración asinado este luns entre o Concello e a institución académica viguesa no que se lle encarga á UVigo a realización dun diagnóstico analítico que identifique o modelo de gobernanza aplicado na cidade olívica, así como o desenvolvemento dun acercamento metodolóxico para fortalecer a acción de gobernanza multinivel e o plan de implementación desta axenda.

Para nós é unha satisfacción enorme que conten con nós como institución e, ao mesmo tempo, que aproveiten todo o talento que temos nas nosas aulas, despachos e laboratorios para algo tan importante socialmente e que, ademais, está referendado por fondos europeos Next Generation, fondos que son unha oportunidade única para que o país progrese”, salientou o reitor Manuel Reigosa tras a sinatura do acordo no Concello de Vigo. “Nesta ocasión estase a buscar a colaboración público-privada, que o talento sexa o que mellore a vida das persoas e, polo tanto, non podo máis que agradecerlle ao concello que conte connosco”, engadiu o reitor, ao que engadiu que os primeiros resultados destes estudos se farán públicos antes de que remate o ano.

42.000 euros financiados polo Concello

O concello achegará á Universidade 42.000 euros para a realización deste proxecto, un estudo que a xuízo do alcalde, Abel Caballero, permitirá estudar os modelos de gobernanza multinivel, gobernanza en procesos de planificación urbana, modelos de participación cidadá e gobernanza en planificación estratéxica territorial e deseño de metodoloxía de gobernanza. “É unha oportunidade de facer converxer as políticas urbanas, as xa desenvolvidas, os proxectos de humanización, de desenvolvemento deportivo, as melloras nas rúas, en unha cidade sostible, segura, inclusiva e resiliente”, salientou Caballero, quen tamén fixo mención á vindeira creación dunha cátedra sobre participación e gobernanza en Axenda Urbana.

“O que precisamos é un marco global para todos estes estudos”, indicou o alcalde, ao tempo que lembrou que Vigo foi unha das cidades seleccionadas polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana para implantar un dos proxectos piloto de axenda urbana española, para o que lle asignaron 250.000 euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que permitirán desenvolver a axenda urbana de Vigo, o plan de acción Vigo Human City, a acción de comunicación do propio plan, un observatorio de axenda urbana e un plan de acción sobre o clima e o consumo de enerxía sostible na cidade, así como a cogobernanza multinivel, “todo dentro do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal”

Salir de la versión móvil