A Universidade de Vigo aproba unha oferta de 117 prazas de emprego público de PDI para 2022

Publicidad

A Universidade de Vigo ofertará este ano 2022 un total de 117 prazas de emprego público do persoal docente e investigador (PDI), das 52 corresponden a profesorado titular de universidade, 40 a catedráticos e catedráticas de universidade e 25 a profesorado contratado doutor, reservándose 12 de titular de universidade para a contratación como persoal laboral fixo de persoal investigador doutor que finalizase o programa Ramón y Cajal e obtivera o certificado I3. A Oferta de Emprego Público (OEP) aprobada esta mañá por asentimento polo Consello de Goberno é considerada polo reitor como “boas novas dentro da folla de ruta que nos marcamos hai cinco anos. Estamos cumprindo o establecido, incluso con creces, mesmo con prazas de sobra que non se van executar ou que se executarán máis adiante, no caso de que teñamos profesorado acreditado”, sinalou Manuel Reigosa.

A aprobación da OEP foi o punto máis relevante da sesión ordinaria celebrada este martes polo Consello de Goberno, que tamén deu luz verde ao Manual de Calidade dos centros da UVigo e á adhesión da UVigo á Red de universidades, organismos públicos de investigación e outras organizacións científicas e académicas, Red ANEXXI, para a realización de traballos científicos e técnicos que conduzan á elaboración e publicación do Atlas Nacional de España del siglo XXI (ANEXXI). Pola súa banda, no seu informe, o reitor deu conta do resultado do proceso de funcionarización do persoal laboral que concluíu coa funcionarización de 234 do total de 250 laborais, así como do concurso de traslados que acadou os 86 postos. Na súa intervención, Reigosa tamén destacou a finalización dos traballos da Comisión de convivencia do Claustro, que agora serán sometidos a consulta, previa a súa aprobación, ademais de lembrar que a UVigo é a única universidade do SUG que ten dous investigadores HCR este ano, Jesús Simal e Jianbo Xiao. “Os Highly Cited Researches son a ‘crème da crème’ e no SUG só hai dous e están na UVigo, un elemento importantísimo para seguir escalando posicións no ránking de Shanghai”, lembrou o reitor.

Aprobada a OEP do PDI para 2022

A solicitude realizada polo equipo de Goberno á Xunta e aprobada na súa totalidade pola Consellería de Facenda e Administración Pública para dar luz verde á OEP do 2022, acadou, antes da luz verde de hoxe do Consello do Goberno, o respaldo por asentimento na mesa de negociación de PDI da UVigo, “seguindo o camiño marcado por este equipo de goberno na anterior lexislatura e nesta, de diálogo constante coa representación sindical”, sinala Alfonso Lago, vicerreitor de Profesorado, Docencia e Titulacións.

A oferta de emprego público deste ano supera en seis prazas á do 2021, pasando de 111 a 117, “hai que ter en conta que o número de prazas depende cada ano da taxa de reposición correspondente”, e cunha relación de categorías semellante á do ano pasado. Respecto de 2021, increméntase en oito o número de prazas de catedrático de universidade de promoción interna; en quenda libre aprobáronse catro prazas menos de profesorado titular de universidade (40) e dúas máis de contratado doutor (25). Así mesmo, mantense a oferta correspondente ás prazas de titular de universidade da cota do 15% dos investigadores (12).
A día de hoxe, detallou Lago, a UVigo ten 46 acreditacións de catedráticos e catedráticas e 37 de titulares de universidade, “das que 32 irán pola quenda aberta e cinco corresponden ao 15% para persoal investigador”, explica o vicerreitor, que engade que, en canto aos contratados e contratadas doutoras “temos 66 acreditacións”. En resumo, tendo en conta as prazas pendentes da OPE do ano 2021 e as concedidas da OPE de 2022, “temos 64 prazas para catedráticos, con 46 acreditados; 44 prazas de titular de universidade e 32 acreditacións; 17 prazas para titular de universidade dentro do 15%, onde temos cinco acreditacións e 25 prazas de contratado doutor e 66 persoas acreditadas”, detallou Alfonso Lago.

Neste punto interveu a catedrática de Economía Aplicada Coral del Río para lamentar o “enorme desequilibrio” que se está a producir na carga docente entre os diferentes ámbitos de coñecemento, “por exemplo entre ciencias sociais e ciencias é enorme”, dixo, e para pedir a adopción de medidas compensatorias. O reitor respondeulle que o seu “é un argumento que paga a pena considerar” e que “hai rixideces no sistema ás que estamos a darlle unha volta”. Neste sentido, Reigosa animou a todos a facer un esforzo para captar figuras do tipo Ramón y Cajal para poder acadar un maior equilibrio entre ámbitos e así enfrontar un desequilibrio que, asegurou, tamén se produce dentro dos propios ámbitos, centros e mesmo departamentos.

A UVigo na Red ANEXXI e luz verde ao Manual de Calidade

Na sesión desta mañá, aprobouse a adhesión da UVigo á Red de universidades, organismos públicos de investigación e outras organizacións científicas e académicas, Red ANEXXI, para realización de traballos científicos e técnicos que conduzan á elaboración e publicación do Atlas Nacional de España del siglo XXI (ANEXXI). O Instituto Geográfico Nacional é o organismo público da Administración general del Estado encargado de elaborar e actualizar el Atlas Nacional de España. En 2013 elaborouse un plan estratéxico para desenvolver o Atlas Nacional de España del siglo XXI e tamén ese ano constituíuse a Red ANEXXI, liderada neste intre pola Asociación Española de Geografía, coa que por parte da UVigo colaborará o catedrático e investigador da agrupación estratéxica Ecobas, Rafael Vallejo.

Os membros do Consello tamén aprobaron hoxe por asentimento o Manual de Calidade dos centros da UVigo, redactado pola Área de Calidade e validado pola Comisión de Calidade. O proceso comezou en 2007 e neste 2022, procedeuse á modificación da estrutura do manual, dividindo o documento inicial en dous, un institucional e outro específico de cada centro. Esta modificación, que detallou ante o Consello, director da Área de Calidade Joaquín Collazo, leva implícita unha reorganización da información e documentos asociados para mellorar a eficacia na súa xestión e acadar unha maior orientación estratéxica e facilidade para a toma de decisión nos centros. O Manual de Calidade é o documento principal do sistema de garantía de calidade que recolle a información básica e xeral referida á organización, estrutura e documentación asociada a xestión de calidade, tanto a nivel institucional, como especificamente de cada centro.

Quenda de intervencións

A sesión de hoxe rematou coa quenda de intervencións na que María José Ríos Santomé, en representación da Xunta de PAS funcionario, trasladou á xerenta da UVigo, Yolanda Lesmes, as súas dúbidas sobre a aplicación da suba salarial dos empregados públicos, a OPE do PAS e o resultado da xuntanza mantida entre a Xerencia e o persoal interino. En relación co pago da suba salarial, Lesmes confirmou que por mor da novo aplicativo que se está a implantar na UVigo é posible que non se poida facer efectivo no mes de decembro, polo que se adiaría ata xaneiro. Por outra banda, a xerenta confirmou sobre a OPE do PAS, que “non hai masa crítica suficiente para sacala este ano, incorporándose ao ano que vén”, e sobre a reunión co persoal interino, lembrou que se celebrou a petición deste colectivo, “ao que se lle informou do proceso, no que aínda quedan cousas por pechar”.

O proceso de realización das enquisas de avaliación docente en liña, foi a outra cuestión que se abordou na quenda de intervencións, na que Consuelo Pérez Vázquez trasladou a inquedanza dos seus compañeiros ante a posibilidade de que alumnado ao que non lle imparten materias respondan a estes cuestionarios, así como outros aspectos que consideran que deberan de revisarse. Tanto o reitor, como o vicerreitor de Profesorado e o director da Área de Calidade, confirmaron que se está a traballar para tratar estas cuestións.

Salir de la versión móvil