A Universidade de Vigo dá a benvida ao seu alumnado sénior

Promover a ciencia e a cultura nas persoas maiores, ao mesmo tempo que as relacións interxeracionais son os obxectivos centrais do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo, unha iniciativa do Centro de Posgrao e Formación Permanente que a vindeira semana dá inicio a un novo curso. A falta de que se pechen os prazos de matrícula, esta iniciativa dirixida a persoas maiores de 55 anos, teñan ou non unha titulación universitaria, incorpora no presente curso preto 130 novos alumnos e alumnas nos tres campus, onde este xoves e venres tiñan lugar diferentes actos de benvida dirixidos a presentarlles as actividades e servizos que a institución académica pon á súa disposición.

Subvencionado pola Consellería de Política Social e Igualdade, trátase dun proxecto educativo dirixido á poboación adulta que pretende favorecer a súa incorporación á vida universitaria, contribuíndo tamén ao seu enriquecemento humano e cultural e á formación ao logo de toda a vida. Con esa idea, articúlase en dous ciclos, o intensivo e integrado, recoñecidos ambos cun título propio da Universidade de Vigo. O intensivo abrangue un total de 60 créditos ETCS, distribuídos nunha serie de materias deseñadas especificamente para este programa. Unha vez completado, outórgaselles a acreditación de titulado ou titulada sénior en cultura e sociedade, que lles dá oportunidade, xunto a aqueles e aquelas que xa contan cunha titulación universitaria, de acceder ao ciclo integrado, que consta de 36 créditos. Neste, poden cursar un conxunto de materias en diferentes graos da Universidade, compartindo aula co estudantado destas titulacións.

A matrícula continúa aberta

No curso 2024/2025, o PUM contou cun total de 557 estudantes, 346 mulleres e 211 homes, no conxunto da Universidade, 499 correspondentes ao ciclo intensivo e 58 ao integrado. Destes, 279 realizaban o programa no campus de Vigo, 140 no de Ourense e 138 no de Pontevedra, sendo, no seu conxunto, a cifra de matriculados e matriculadas máis elevada desde a pandemia da covid-19.

Ata o vindeiro martes 30 de setembro permanece aberto o prazo de matrícula para aqueles e aquelas que continúan estudos no ciclo intensivo do PUM, mentres que, no referido ao alumnado de novo ingreso, tamén será posible inscribirse ata o 10 de outubro, nos campus de Pontevedra e Ourense, ao existir prazas vacantes despois do primeiro período de matriculación. A falta de completar estes prazos, o PUM incorpora neste curso 130 novos alumnos e alumnas no seu ciclo intensivo, 60 deles en Vigo, 40 en Ourense e unha trintena en Pontevedra. A estes súmase o alumnado que continúa estudos, así como aqueles e aquelas que realizan o ciclo integrado, que suman, tendo en conta tanto o novo alumnado como o que continúa estudos, preto dunha vintena en cada campus.

Venres de benvidas en Vigo e Pontevedra

O inicio o vindeiro luns 29 dun novo curso académico neste programa viuse precedido este venres por actos de benvida como o celebrado na mañá deste venres na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial, en Vigo. Coa participación da coordinadora do PUM na UVigo, Carmen Abreu, este acto permitiu ao alumnado coñecer tanto as características deste programa, como as actividades culturais e deportivas da institución académica, así como os seus diferentes servizos.

Tamén nesta xornada, a Facultade de Fisioterapia acolleu a benvida ao novo alumnado do PUM, que conta a día de hoxe en Pontevedra con 36 novos estudantes nos seus dous ciclos. A coordinadora do programa no campus, Iris Machado, e a vicerreitora Eva María Lantarón encargáronse de dar a benvida aos novos e novas alumnos, aos que Lantarón animou “a que vos sintades Universidade de Vigo”, ao tempo que salientou que o PUM “é un programa que cada vez vai tendo maior influencia”, tras o “baixón” sufrido en termos de matrícula “na época da pandemia”.

40 estudantes en Ourense

Previamente, este xoves pola tarde no edificio Politécnico tivo lugar a presentación do PUM en Ourense, coa participación de Arno Formella, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, e Alma Gómez, coordinadora do Programa Universitario de Maiores en Ourense. Para arrancar a programación deste curso académico, celebrouse unha conferencia inaugural que levou por título Certificados dixitais e DNI electrónico, como me axudan no meu día a día?, impartida por Diego Cid, CEO de Cqe-Solutions, “empresa recoñecida co premio Empresa Ética polos seus logros no campo da enxeñaría informática en España. A conferencia realizouse ademais no marco de iniciativas financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia Next Generation-UE. Deste programa, Alma Gómez destacou que con el “preténdese mellorar a calidade de vida das persoas maiores, facilitando o seu acceso a ensinanzas e experiencias propias do ámbito universitario, ofrecéndolles un espazo para o intercambio de coñecementos e experiencias de tipo científico e cultural, fomentando a súa participación na sociedade actual e ofrecéndolles unha proposta real para as relacións intra e interxeracionais”. Con 10 das 50 prazas de novo ingreso dispoñibles en Ourense aínda libres, a responsable académica animou ás persoas interesadas a unirse a esta este programa e aproveitar todas as oportunidades de crecemento que lles brinda.

A “inquedanza” por seguir aprendendo

“Estou aquí porque teño a inquedanza de seguir aprendendo”, sinalaba este venres Mila Abal, nova estudante do ciclo intensivo no campus de Pontevedra, no que decidiu matricularse por contar con “materias moi interesantes”, relacionadas coa historia da arte ou co cinema, que lle permitirán dar resposta a esas “inquedanzas que no seu momento non se puideron cubrir”. Como unha “forma de socializar e de aprender ao mesmo tempo” definía esta alumna un programa ao que Begoña Vila se incorpora coa motivación “por aprender cousas diferentes”. Profesora de lingua e literatura galega ata a súa xubilación, recoñece que “quedáronme moitas cousas que non puiden aprender e nas que sempre tiven moito interese”, como a historia da arte, o que a súa vez permitiralle tamén, apuntou, gozar de actividades coma viaxar, “cunha bagaxe de coñecementos”. Do mesmo xeito, o PUM constitúe tamén unha oportunidade para “coñecer xente da túa idade moi diversa”, como destacou Fernando Míguez, quen participaba tamén este venres no acto desenvolvido en Fisioterapia. “Nestes anos de xubilación, fixen moitas actividades de moito tipo e esta é unha nova”, recoñecía este novo alumno do PUM, que incide en que se ben existen moitas opcións de realizar actividade física, son precisas tamén propostas deste tipo, que supoñan “un complemento sobre todo a nivel mental, que enchan noutros aspectos da vida, o que é moi enriquecedor”.

Salir de la versión móvil