O Consello Galego de Universidades deu luz verde este luns á autorización para implantar o vindeiro curso 2021/2022 na Universidade de Vigo catro novas titulacións. A Uvigo ofertará como novidade o Grao en Filoloxía Aplicada Galega e Española; os mestrados en Sistemas Aéreos non Tripulados (xunto coa USC) e en Desafíos das Cidades Atlánticas (conxunto coa USC e a UDC), e o programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións (conxunto coa USC e a UDC).
En total, nas tres universidades galegas implantaranse o vindeiro curso 12 novos títulos. Séran tres graos, oito mestrados e un programa de doutoramento. Todas as titulacións contan co informe favorable da Secretaría Xeral de Universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Consejo de Universidades. No que a graos se refire, adáptanse ao establecido no Acordo sobre o Mapa de Titulacións asinado entre a Consellería e os reitores das tres universidades do SUG en marzo de 2017.
Por outra banda, na reunión que este luns celebrou o Consello Galego de Universidades informouse favorablemente a creación do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da UVigo, unha vez acreditada a súa excelencia científica. O pleno tamén aprobou a creación da nova Facultade de Turismo da UDC, unha vez completado o proceso de desadscrición da Escola Universitaria de Turismo do Centro Español de Nuevas Profesiones para impartir o Grao de Turismo nun centro propio. Así mesmo, a adscrición do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG) á Universidade de Santiago de Compostela será unha realidade a partir do curso que vén, ao abeiro do aprobado na reunión desta mañá.
Prezos das matrículas conxelados
Na súa sesión de hoxe o Consello Galego de Universidades informou favorablemente da conxelación dos prezos públicos de matrícula do Sistema Universitario de Galicia (SUG) por décimo primeiro ano consecutivo. Deste xeito, Galicia volverá ter o próximo curso 2021/2022 os prezos medios máis baratos de España. "A Xunta de Galicia”, explicou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, “mantén a súa política de prezos asequibles para cursar estudos universitarios. Non só temos o prezo medio do crédito máis baixo de España, senón que ese prezo de primeira matrícula é o mesmo xa se trate de grao, máster habilitante ou calquera outro tipo de máster oficial. Esta é a política que, como manifestou o ministro Castells no Senado, é o exemplo a seguir no conxunto do Estado”, destacou Rodríguez.
A través deste decreto de prezos públicos fíxase tamén a data do inicio do curso 2021/2022 nas tres universidades do SUG para o día 6 de setembro. Tendo en conta que, unha vez estabilizada a pandemia, as probas extraordinarias da ABAU se realizarán os días 13, 14 e 15 de xullo, este alumnado poderá incorporarse ás clases para aproveitar o primeiro cuadrimestre na súa totalidade.