Desde 2018 a 2022 a Universidade de Vigo reduciu nun 26% a súa pegada de carbono. Así se reflicte nos datos sobre os consumos de enerxía e pegada ecolóxica que a institución acaba de facer públicos a través do seu Portal de Transparencia -apartado Medio Ambiente-. “O informe recolle múltiples cifras coas que se demostra que o traballo que vén realizando a UVigo en ámbitos como a eficiencia enerxética, o despregamento de enerxía renovable, a reciclaxe, a biodiversidade, etc. produce resultados significativos en poucos anos”, explica Jacobo Porteiro, adxunto ao reitor para Sostenibilidade, quen quere pór en valor o traballo realizado “desde sempre” pola Oficina de Medio Ambiente, OMA, dirixida na actualidade pola profesora Delfina Couce, e que se intensificou desde 2018 coa chegada á Reitoría do equipo dirixido por Manuel Reigosa.
Segundo o informe publicado, en só cinco anos a UVigo despregou máis de 1000kW de enerxía fotovoltaica (“e temos en marcha a instalación de 600kW máis”), redes de calor baseadas en biomasa (campus de Pontevedra) e en xeotermia (campus de Ourense) e estendeuse o uso de iluminación LED. “A isto hai que engadir as medidas de aforro enerxético que se implantaron en outubro de 2022 e que permitiron reducir significativamente a factura enerxética e a nosa pegada de carbono”, recalca Porteiro, insistindo na idea de que “precisamente” estas medidas confirmaron que o aforro de enerxía e a sustentabilidade é un proxecto colectivo que require da implicación de toda a comunidade. “Demostrouse que Vigo é unha universidade comprometida colectivamente coa sustentabilidade”, salienta Porteiro, para quen estes resultados “son, por unha banda, unha excelente noticia e serven ademais como motivación para continuar nesta liña”.
Investimento de máis de 5 millóns de euros
Todas as medidas están englobadas no denominado Plan de Sostenibilidade da Universidade de Vigo, Plan SUVI. “Estamos falando dun movemento de diñeiro de máis de 5 millóns de euros, dos que aproximadamente o 70% -arredor de 3,6 millóns-, se conseguiron a través de fondos achegados pola Xunta de Galicia, sobre todo da Consellería de Economía, Industria e Innovación e do Instituto Enerxético de Galicia, Inega”, explica o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés, quen agradeceu especialmente o apoio recibido por parte do anterior conselleiro de Economía, Francisco Conde, “pois sen el non teriamos sido quen de chegar a estes niveis, unha boa sintonía que se mantén co novo equipo da consellería”.
Míguez lamenta, pola contra, os “atrancos” que están a atopar no Goberno central “xa que as licitacións que poden saír adiante tópanse co famoso CoFFEE-MMR e o MINERVA, o que supón que todo o financiamento que se consegue acabe no que se coñece como un colo de botella, sobre todo nestes último ano”, salientou o vicerreitor, en referencia ao sistema de información de xestión do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (CoFFEE-MMR) e o Sistema de Análise de Riscos de Conflitos de Interese (MINERVA), unha ferramenta informática para a análise de risco de conflito de interese que Axencia Tributaria pon a disposición de todas as entidades decisorias, executoras e instrumentais participantes neste Plan de Recuperación.
O consumo de electricidade reduciuse un 13,7%
No relativo á electricidade pasouse dun consumo de 15,2 millóns de kWh no 2018 a un de 13,1 millóns de kWh no 2022, o que supón unha redución de 2 millóns de kWh ou, o que é o mesmo, o 13,7%. “Esta redución, tanto de consumo como de emisións, débese principalmente a dous motivos, a aposta polas medidas de eficiencia e aforro e o despregue de numerosas instalacións fotovoltaicas nos tres campus”, explica o adxunto o reitor para Sostenibilidade, quen tamén recalca que a produción de enerxía eléctrica renovable por parte da UVigo pasou de ser nula no 2018 aos 977 mil kWh en 2022.
70% menos de gasóleo C
En canto ao consumo de combustibles -gas natural e gasóleo C-, produciuse un importante desprazamento do gasóleo C por gas natural, bombas de calor e biomasa como principais medidas para a descarbonización. Isto supuxo que fronte aos 600.000 litros de gasóleo que se compraron no 2018, no 2022 compráronse 180.000 litros, un 70% menos. “Grazas a estas medidas de aforro as emisións asociadas ao consumo de combustibles para calefacción reducíronse un 26% respecto do 2018”, salienta Porteiro.
0.88 toneladas de CO2 por persoa fronte a 1,19 do 2018
Polo que respecta á pegada ecolóxica estimouse unha cifra equivalente a 0.88 toneladas de CO2 por persoa usuaria da Universidade en 2022 fronte ás 1,19 toneladas por persoa do ano 2018, o que representa unha redución do 26%. “Tras a recuperación da plena actividade tras a COVID no 2021 obtívose unha pegada equivalente de 0.93 tonelada/persoa. Polo tanto, nun só ano reduciuse a pegada nun 5.4%”.
Fotovoltaica nos tres campus
O primeiro punto clave das actuacións emprendidas dentro do Plan SUVI para mellorar a sostibilidade da Universidade de Vigo consistiu na instalación de diferentes sistemas de enerxías renovables nos tres campus. No de Pontevedra, a primeira “actuación global” foi a instalación de placas fotovoltaicas nas facultades de Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte. A esta actuación sumouse a posta en funcionamento do district heating, unha rede de produción e de distribución de calor que dá servizo a estes dous centros e que permite evitar a emisión de cerca de 245 toneladas de CO2 á atmosfera cada ano.
No campus de Ourense, a instalación fotovoltaica realizouse no edificio Politécnico. Cunha potencia nominal de 80 kW, a redución de dióxido de carbono asociada é de 53 toneladas ao ano. Ademais, no Edificio de Ferro desenvolveuse unha instalación térmica híbrida para cubrir gran parte da demanda enerxética do edificio e reducir 391 toneladas de CO2 ao ano. No campus de Vigo, os paneis fotovoltaicos situados no edificio do CINTECX, no CACTI, nas dúas sedes da Escola de Enxeñería Industrial e na Escola de Enxeñaría de Minas, conseguiron reducir 1038 toneladas de CO2 ao ano.
A corto/medio prazo o obxectivo é continuar na senda cara á sostibilidade con novas instalacións fotovoltaicas de autoconsumo para diferentes edificios do campus de Vigo (edificios Olimpia Valencia e Ciencias Experimentais) e do campus de Ourense (Edificio de Ferro). Na mesma liña, planificáronse as instalacións fotovoltaicas de autoconsumo para a Escola de Enxeñaría Forestal (Pontevedra), a Facultade de Dereito (Ourense) e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación (Vigo), así como a instalación dun inversor independente na instalación fotovoltaica do edificio do CINTEXC e un sistema de acumulación mediante baterías. Finalmente, dentro deste proxecto, idéase instalar un aeroxerador de mediana potencia para o autoconsumo que axudaría a aforrar 89 toneladas de CO2 ao ano e fomentar a creación de pérgolas fotovoltaicas nos diferentes aparcadoiros universitarios.