A UVigo abre os seus cursos para aprender alemán, inglés, italiano, portugués e chinés

Centro de Linguas (Universidade de Vigo)

Publicidad

Aprender unha lingua abre moitas portas, tanto na vida cotiá coma no ámbito profesional e para iniciarse ou perfeccionar o seu coñecemento, o Centro de Linguas da Universidade de Vigo oferta no segundo cuadrimestre formación en diferentes niveis de cinco idiomas: alemán, inglés, italiano e portugués e español como lingua estranxeira. En total, o catálogo comprende 20 cursos de diferentes niveis e mantén a aposta por semipresencialidade, impulsada principalmente a raíz da pandemia.

Así, impartiranse en modalidade virtual os cursos de alemán A2.2, español B1 e B2, inglés A2.2, B1.2, B2.2 e C1.2, italiano A2 e portugués A2 e B1. En modalidade semipresencial serán o nivel A1.2 de alemán e os B1.2, B2.2, C1.2 e C2.2 de inglés, que se impartirán na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións e na Escola de Enxeñería Industrial do campus de Vigo. Para as persoas que prefiran a formación totalmente presencial, impartiranse cursos de español como lingua estranxeira dos niveis A1, A2, B1 e B2 na Facultade de Filoloxía e Tradución.

Os cursos céntranse no desenvolvemento da expresión oral e escrita, facendo tamén fincapé na comprensión, xa que son uns dos piares máis importantes na adquisición dunha lingua estranxeira. Todos estes cursos inclúen exame de acreditación de nivel, CertAcles ou exame propio do Centro de Linguas. As persoas interesadas, sexan ou non membros da comunidade universitaria, poden inscribirse ata o 23 de xaneiro. Aqueles e aquelas que non cursaron o primeiro cuadrimestre ou non teñen certificado do nivel anterior, o Centro de Linguas ofrécelles unha proba de nivel virtual para determinar se posúen o nivel necesario para acceder ao curso, garantindo así a homoxeneidade de nivel nos cursos.

Cinco idiomas, diferentes niveis

No que se refire á formación de lingua inglesa, continúan os cursos do 1º cuadrimestre e ábrese un novo C1 noutra franxa horaria. Así, ofértase un curso de A2, dous de B1, catro de B2, tres de C1 e un de C2. A novidade é un novo grupo de nivel C1.2 en modalidade virtual. As clases que se imparten por videoconferencia (clases síncronas) terán lugar os martes e xoves de 17.30 a 19.00.

Tamén se impartirá o curso de BEC, unha formación "destinada a persoas que precisen empregar a lingua inglesa en contornas profesionais internacionais relacionadas co comercio, os negocios, as relacións laborais, os recursos humanos, a xestión ou a organización empresarial, e queiran prepararse para realizar o exame Cambridge English: B2 Business Vantage (BEC Vantage)", explica Mercedes Álvarez, xefa de estudos e coordinadora académica do Centro de Linguas.

No que se refire ao italiano, daráselle continuidade á formación do 1º cuadrimestre convocando o nivel A2. Será un curso virtual con clases impartidas por vídeoconferencia os martes e venres de 16.00 a 17.30 e traballo autónomo. En portugués ofértanse os niveis A2 e B1, serán cursos virtuais con clases impartidas por vídeoconferencia de 20.00 a 21.30 e traballo autónomo.

No que atinxe ao alemán, continúa o A1 e A2 do 1º cuadrimestre. As clases presenciais do curso semipresencial de nivel A1 impartirase na Escola de Enxeñería Industrial, sede campus. O curso de nivel A2 impartirase en modalidade virtual con clases impartidas por vídeoconferencia e traballo autónomo. Ademais destas cinco linguas, e ao abeiro do convenio co Instituto Confucio da Universidade de León, no segundo cuadrimestre na Aula Confucio haberá obradoiros relacionados coa lingua e a cultura chinesa.

A oferta de chinés comprende a opción da presencialidade total ou a semipresencialidade. No primeiro caso están os obradoiros de caligrafía chinesa, que terá lugar o 16 de marzo, e de recortado de papel chinés, que será o 20 de abril, sendo ambos de balde tanto para os membros da comunidade universitaria como para as persoas alleas. En modalidade virtual haberá un obradoiro de iniciación á lingua e cultura chinesa, que terá lugar entre o 2 de febreiro e o 11 de maio. Trátase dun curso en que o alumnado se iniciará no coñecemento da lingua chinesa e do contexto social e cultural do país para poder desenvolverse en situacións cotiás. O período de matrícula está aberto ata o 26 deste mes de xaneiro.

As listas de agarda, unha novidade

Para esta nova convocatoria de cursos, o Centro de Linguas decidiu poñer en marcha un sistema de lista de agarda, que se activará cando o número de alumnos e alumnas que se inscriba nun curso supere o máximo de matrículas estipuladas. Deste xeito,  avanza Álvarez, "asignaráselle a cada estudante un número de prelación por orde cronolóxica de inscrición no curso e, rematado este período, o alumnado admitido no curso recibirá instrucións e un prazo para formalizar a súa matrícula. Se non o fixera, as prazas serían asignadas ao alumnado en lista de agarda".

Convocatoria de exames oficiais CertAcles

Antes de que boten a andar o os cursos de idiomas, o segundo cuadrimestre arrancará esta semana no Centro de Linguas cos exames de nivel. Así, o día 13 será a proba de nivel B2 e o 14  a de B1 da convocatoria de exames CertAcles de inglés. As probas orais terán lugar entre o 13 e o 21 deste mesmo mes. En maio volverá abrirse unha nova convocatoria de exames CertAcles, o 18 de maio para C1, o 19 para B2 e o 20 para B1.

No caso da lingua inglesa, son 198 as persoas matriculadas para acreditar o seu nivel, máis do dobre que no curso pasado. Deles, 50 son estudantes que quedaron pendentes de realizar os exames na convocatoria de maio, que se tivo que suspender por mor da pandemia da covid-19. En total, do nivel B1 examínanse 70 persoas; do nivel B2 outras 88 persoas e do C1 outras 40. A estas súmanse outras 14 persoas que se están a examinar para a proba de acreditación de francés.

Salir de la versión móvil