A UVigo acada “un éxito histórico” na taxa de ocupación de novo ingreso nos graos cun 104%

Publicidad

3902 persoas xa se matricularon a día de hoxe nas 3752 prazas de novo ingreso das titulacións de grao que a UVigo oferta para o curso 2024/2025. Isto tradúcese nunha taxa de ocupación do 104% en nun “éxito histórico”, en palabras do reitor, que hoxe presentou ante os membros do Consello de Goberno uns resultados, que segundo Manuel Reigosa, son “os mellores de toda a serie histórica de ocupación”. Logo de catro chamamentos para efectuar a matrícula nas titulacións de grao e dobres graos ofertadas pola UVigo, o campus de Ourense rexistra a maior taxa de ocupación cun 104,24% (1058 matriculados en 1015 prazas ofertadas), seguido de Pontevedra cun 104,03% (801 matriculados en 770 prazas) e Vigo con 103,86% (1043 matriculados en 1967 prazas).

Estes datos centraron parte do informe co que o reitor iniciou o derradeira sesión do Consello de Goberno do curso 2023/2024 na que, entre outras cuestións, os seus membros deron luz verde á aprobación dunha modificación parcial da Relación de Postos de Traballo (RPT), que permitirá incorporar á estrutura da UVigo un Servizo de Recursos Humanos de Investigación e unha Sección administrativa da Oficina de Proxectos Internacionais. Por outra banda, deuse luz verde á creación do Instituto de investigación Lingua, ás bases do programa de retención de talento investigador, así como ao Plan Estratéxico do Campus Auga e ao Regulamento da Área de Benestar, Saúde e Deporte. Acordos que se adoptaron nunha sesión que comezou co informe do reitor, no que Manuel Reigosa confirmou que logo que o concurso para construción do edificio de Enxeñaría Aeroespacial quedase deserto, a licitación xa está preparada para saír de novo cun custo adicional dun 21% e “que así non quede deserto, porque temos que xustificalo ante a Xunta. Espero que sexamos quen, a través de acopios de facer a xustificación correspondente a este ano”, dixo o reitor, que tamén recoñeceu que “imos xustos pero imos ver se entre todos somos quen de acelerar o proceso”. Reigosa tamén confirmou que se segue a traballar, agora co novo conselleiro de Sanidade, para acadar un acordo para a creación da Facultade de Enfermaría o antes posible, que manifestou agarda que poida comezar a impartir o primeiro curso do grao no curso 2025/2026. Por outra banda, o reitor avanzou que o acto de celebración da Megabau 2025, que ten como finalidade entregar os premios ao alumnado que acade os mellores expedientes da Abau do vindeiro curso, celebrarase no pavillón central de As Travesas, organizado pola UVigo.

Ao remate da sesión o reitor agradeceu ao vicerreitor de Profesorado e Ordenación Académica, Martín López Nores, o traballo desenvolvido no cargo durante os tres últimos meses, nos que fixo posible "sacar en tempo as convocatorias previstas", dixo Reigosa, que gabou o seu nivel de autoesixencia e dedicación, "traballando arreo e poñendo iniciativas en marcha". López Nores, que continuará no cargo ata o vindeiro mes de setembro, seguirá logo, segundo confirmou Reigosa, traballando coa Reitoría, aproveitando a súa experiencia previa en procesos de dixitalización, automación e mellora da eficacia .Pola súa banda, o catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática agradeceu a confianza depositada nel para desempeñar un posto, no que asegurou “déixeme a pel, o tempo e todo en sacar isto adiante, da mellor forma posible e é o que me levo”, ao tempo que confirmou que seguirá traballando, "para seguir axundando ao bo funcionamento da Universidade", dixo López Nores.

Éxito histórico na taxa de ocupación

Como “os mellores resultados de toda a serie histórica de ocupación” referiuse hoxe o reitor da UVigo aos datos de ocupación de novo ingreso nos graos da UVigo logo de realizarse catro chamamentos para efectuar a matrícula. Ante os membros do Consello de Goberno, Manuel Reigosa falou de “éxito histórico” ao referirse ao 104% de ocupación acadado nos tres campus da UVigo e nos que o de Ourense rexistra a maior taxa cun 104,24% (1058 matriculados en 1015 prazas ofertadas), seguido de Pontevedra cun 104,03% (801 matriculados en 770 prazas) e Vigo con 103,86% (2043 matriculados en 1967 prazas). A día de hoxe o número total de persoas matriculadas nalgunha praza de novo ingreso nos graos que oferta a UVigo, 3752, é de 3902.

En canto aos graos pechados, a día de hoxe xa non hai prazas en 56 dos 71 títulos que se ofertan (79%). Por campus, en Ourense hai 17 titulacións pechadas das 21 que se ofertan (81%); Pontevedra pechou 10 das 12 ofertadas (83%) e no campus de Vigo hai 29 títulos pechados, do total de 38 ofertados (76%).

“Porcentualmente estamos moi ben”, dixo o reitor, que lembrou que para sobrevivir “precisamos alumnado e pasar do 100%. É unha boa nova e debemos estar moi satisfeitos”, asegurou o reitor, que defendeu, “que non se trata de ir rápido, senón de facelo ben e nós facéndoo en prazo temos resultados moi bos”. Reigosa tamén avanzou que cara ao novo mapa de titulacións do SUG a UVigo procurará a complementariedade nos títulos, así como ter en conta a especialización de cada un dos seus campus.

Aprobada unha modificación parcial da RPT

A UVigo incorpora a súa estrutura un Servizo de Recursos Humanos de Investigación e unha Sección administrativa da Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) trala aprobación por asentimento hoxe no Consello de Goberno da proposta de modificación parcial da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Persoal Funcionario de Administración e Servizos, que involucra 14 postos de traballo, por creación ou reorganización. A modificación, que contempla tamén o cambio de localización dun posto de traballo de técnico superior en biotecnoloxía no campus de Ourense, permite dotar con postos de nova creación, así como outros existentes na vixente RPT que se redistribúen e renomean, os novos servizos, cos que o equipo de goberno pretende dar resposta a unha demanda de persoal, que ten a súa orixe no incremento na contratación de persoal investigador na UVigo nos últimos anos, en especial os tres últimos, nos que produciu un aumento de case un 30%, pasándose de 641 a 827 contratos.

Para facer fronte a esta situación, desde o ano 2019 creáronse varios postos fóra da RPT para atender a contratación de persoal investigador, así como para facer fronte ao volume de traballo da Oficina de Proxectos Internacionais, unha situación que agora, coa modificación parcial da RPT, reformúlase de xeito que o Servizo de Recursos Humanos da Investigación constitúese co 10 postos de traballo, mentres que no caso da Sección administrativa da OPI, consolídase a estrutura que ata o momento existía fóra da RPT, creándose unha xefatura de sección e un posto base administrativo e redistribuíndose ademais un posto de traballo, xefatura de negociado.

Despois que a xerenta da UVigo, Yolanda Lesmes, explicase os detalles da modificación e antes de proceder á votación, a directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación (OPI), Eva Garea, lamentou que os técnicos superiores desta oficina non fosen consultados por parte da Xunta de Persoal para elaborar a contraproposta que a parte social remitiu á Xerencia, ao tempo que pediu que “non se difundan documentos deste tipo nos que a OPI está como unha subárea da Oficina de Relacións Internacionais”. Aínda que Garea manifestou o seu apoio á modificación da RPT, a súa intervención tivo resposta por parte do representante do persoal laboral Luis Pérez, que lle recriminou a Garea que o persoal estrutural da OPI son tamén membros do equipo de goberno, que promoveu a modificación parcial da relación de postos de traballo. Na mesma liña, o presidente da Xunta de Persoal, Xan Cebro, que dixo sentirse “insultado”, asegurou que esta era a primeira vez que “vexo a membros do equipo de goberno atacando ao equipo de goberno” e lembrou que as e os traballadores deben falar cos seus representantes e non ser recibidos polo reitor.

Creación do Instituto de Investigación Lingua, programa de retención de talento e nova spin-off

Tras o seu paso polo Claustro a comezos deste mes, o Consello de Goberno aprobou por asentimento a creación do Instituto de Investigación Lingua, que terá como misión promover e realizar investigación en lingüística de primeiro nivel, ofrecendo infraestruturas científicas para fomentar os avances de vangarda, desenvolvendo investigación transnacional de excelencia. O que será o primeiro instituto de investigación no ámbito das humanidades da UVigo estará formado por 38 investigadores e investigadoras e unha axenda científica con sete liñas de traballo: lingüística interna e variación lingüística; sociedade, ideoloxía e política lingüística; linguas, cognición e educación; tradución e interpretación; lingua e literatura; lingua e accesibilidade; e humanidades dixitais.

Outro dos puntos da orde do día foi a aprobación das bases do programa de retención de talento investigador da UVigo para o 2024, unha iniciativa que naceu en 2018 para facilitar a continuidade do persoal investigador incorporado no cadro dos diferentes programas de contratación de doutoras e doutores, como os Margarita Salas, María Zambrano, Juan de la Cierva, etc. A vicerreitora de Investigación presentou as características desta nova edición, cuxa principal novidade é a ampliación de catro a seis o número de prazas que se ofertan. Deste xeito, realizarase un proceso selectivo para a contratación como persoal laboral temporal a tempo completo de seis investigadoras ou investigadores doutores con contratos que terán unha duración de tres anos e un custe total de 50.520€. As persoas contratadas poderán impartir ata 100 horas anuais de docencia e terán plena capacidade investigadora coa posibilidade de solicitar proxectos como investigadores ou investigadoras principais.

Finalmente, a vicerreitora Belén Rubio, tamén presentou ao Consello a proposta de participación da UVigo na spin-off GAL4TIC, impulsada polo investigador Fernando Obelleiro, do Grupo de Investigación SC7 Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas que forma parte de atlanTTic. O visto bo por asentimento a esta proposta permitirá que a institución académica participe cun 4% nesta iniciativa que ten como finalidade a integración de servizos tecnolóxicos e hardware específico para aplicacións TIC, industria 4.0 e de ciberseguridade. O desenvolvemento empresarial de GAL4TIC xurde da colaboración previa do profesor Obelleiro coa empresa Navantia, un traballo conxunto que tivo como froito o Sistema de Servizos Integrados (SSI), unha tecnoloxía única no mundo naval que proporcionar unha infraestrutura dixital, segura e intelixente que dá soporte e cobertura integral a múltiples servizos e funcionalidades e que esta protexida por unha patente compartida por Navantia, UVigo e Universidade da Coruña.

Provisión de prazas e rexeitamento dunha excedencia

Noutra orde de cousas, a derradeira sesión do Consello do curso aprobou prover unha praza de titular de universidade na área de coñecemento A0535 (Enxeñaría Eléctrica) do departamento T02, pola posibilidade de atraer un profesor doutra universidade, que viría á UVigo a comezos do curso 2024/25 en comisión de servizos. Así mesmo, deuse luz verde a prover unha praza na área de coñecemento A0610 (Medicina) do departamento C01 (Bioloxía funcional e ciencias da saúde).

Tamén no ámbito de profesorado, acordouse con 27 votos a favor, nove en contra e oito abstencións rexeitar a solicitude de excedencia temporal da docente e investigadora do Departamento de Dereito Público Especial María Cruz Barreiro Carril para incorporarse durante un ano a un posto no International Bureau of Fiscal Documentation (IBFD). A solicitude, que contaba con informe desfavorable do consello de departamento e da Asesoría Xurídica da UVigo, foi rexeitada logo dun debate no que a docente cualificou o informe do departamento de “atropelo xurídico” e pediu ao reitor que pospuxese a votación para solicitar unha valoración do ditame do departamento. O decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Francisco Torres; o representante sindical do PDI e docente Miguel Cuevas e os docentes e investigadores Coral del Río e Xosé Rúas, defenderon os argumentos de María Cruz Barreiro, incidindo na importancia da internacionalización do profesorado e a necesidade de que o equipo de goberno valore as cuestións docentes cando se producen solicitudes destas características. Pola súa banda, o catedrático do Departamento de Dereito Público Especial Roberto Ignacio Fernández López defendeu o informe, asegurando ademais que coa marcha de Carril quedarían horas de docencia ao descuberto.

Plan Estratéxico de Campus Auga e Regulamento da Área de Benestar, Saúde e Deporte

Ademais de aprobar o regulamento da Área de Benestar, Saúde e Deporte, no que se detallan, entre outros aspectos os usos, obrigas e dereitos das persoas usuarias; as normas, horarios ou reservas das instalacións ou condicións de uso e acceso; normas de convivencia ou competicións deportivas, na sesión tamén se deu luz verde ao Plan Estratéxico de Campus da Auga, no que aparecen recollidas as súas liñas estratéxicas de investigación (alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga termal); gobernanza; detalle dos 14 grupos e investigación que o integran; así como o plan de acción para o período 2024/2027 e os indicadores fixados pola Xunta para o seu seguimento. A derradeira sesión do Consello do curso tamén autorizou formalizar un convenio entre a Escola Universitaria de Maxisterio María Sedes Sapientae e a Agencia Nacional de Evaluación de la Calidade y la Acreditación, Aneca, para a avaliación do PDI contratado polo centro adscrito.

Xa na quenda de intervencións, o director da Escola de Enxeñaría Industrial, José Fariña, trasladou a súa preocupación pola falta de profesorado e infraestruturas que asegura sofre o centro. “Non hai profesorado para cubrir os horarios establecidos”, dixo Fariña, que tamén lamentou que “as figuras ofertadas non son competitivas co exterior”, manifestando como alternativa a figura de profesor de substitución a tempo completo, así como que para as axudas predoutorais teñan preferencia as áreas deficitarias. En canto ás infraestruturas, manifestou a súa preocupación porque se teña que reducir o tempo de docencia para facer exames.

Salir de la versión móvil