Achegarlle as figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas ás nenas e nenos xordos e aproximar a lingua de signos ao conxunto da sociedade. Este é o obxectivo co que cada ano, e xa van dez, o Grupo de investigación de Lingua Española e Linguas Signadas da Universidade de Vigo, Griles, e o seminario Galán se poñen mans a obra, coa colaboración de UVigoTv, na elaboración de vídeos, feitos en lingua visoxestual, cos que difundir entre os máis pequenos a figura da persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas.
Arrancaron no 2013 cunha serie de pezas sobre Roberto Vidal Bolaño, a quen se homenaxeaba nesa ocasión e, desde entón, cada ano elaboran pezas específicas sobre cada un dos autores ou autoras ás que se leva dedicado esta data (Manuel Delgado Gurriarán, Xela Arias, Ricardo Carbalho Calero...). Este ano fixéronse catro vídeos sobre a figura de Francisco Fernández del Riego, adaptados ás diferentes etapas educativas: educación infantil e primaria. Graváronse o pasado mes de marzo, de maneira que houbese tempo suficiente para ultimar a súa elaboración e distribución nos centros de ensino primario e secundario de toda Galicia.
Medio milleiro de visualizacións en UVigoTv
A elaboración e o deseño dos textos corre a cargo do Seminario Permanente de Formación do Profesorado do CEIP Galán, Seminario Galán, e desde o grupo Griles encárganse da tradución á lingua de signos. Faino a intérprete María Bao, doutora en Lingüística Aplicada pola UVigo, investigadora do grupo Griles e profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña.
“Este ano optamos por reducir o número de vídeos para facelos corresponder cos niveis de ensino, aínda que nas certificacións das traducións algunha das persoas avaliadoras téñennos comentado que era máis doado dividir o nivel de primaria en dúas etapas para mellorar a comprensión do alumnado”, salienta Inmaculada Báez, investigadora do grupo Griles e docente da Facultade de Filoloxía e Tradución, quen explica que os vídeos teñen moita difusión e, conscientes diso, unha vez gravados, son enviados a persoas xordas que exercen de avaliadoras e a signantes e, ata que estas persoas non dan a súa aprobación non se publican. No caso dos vídeos dedicados a Fernández del Riego levan xa preto de medio milleiro de visualizacións en UVigoTv, só o dedicado á etapa de educación infantil foi visualizado 238 veces.
En canto aos contidos, “continuamos na mesma liña ca en edición anteriores”, apunta Baez, ao que engade que “os deseños son moi bonitos e os textos son unha boa síntese para achegar e dar a coñecer ás rapazas e rapaces a figura anual das letras galegas”.