A UVigo alíase coa Xunta para avanzar no estudo dun plan de refuxios climáticos para Galicia

Publicidad

O cambio climático está causando ondas de calor cada vez máis frecuentes e intensas, o que provoca que a cidadanía teña que enfrontarse a temperaturas extremas durante gran parte do verán, situación que se agrava nas cidades polas denominadas ‘illas de calor’ que provocan un aumento adicional das temperaturas pola acumulación da radiación no asfalto e o formigón. Conscientes desta realidade cada vez máis cidades están implementando refuxios climáticos, instalacións públicas deseñadas para ofrecer un respiro durante estes períodos de calor extremo. Galicia non é allea a esta situación e desde a Universidade de Vigo o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luís Míguez Tabarés, e a responsable da Oficina de Medio Ambiente, Delfina Couce, mantiveron recentemente unha reunión coa vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, na que estudaron a elaboración dun plan de refuxios climáticos en Galicia.

'Illas de frío' ben distribuídas e gratuítas

Durante o encontro, coincidiron na importancia de dotar á comunidade dunha rede do que se coñece como ‘illas de frío’, que son espazos sinalizados, ben distribuídos e gratuítos que contan con refrixeración e aire acondicionado nos que a cidadanía se poida refuxiar en días de temperaturas excesivas. A iniciativa, que xa puxeron en marcha en cidades europeas como París ou Barcelona, consiste na apertura ao público, as 24 horas do día, de instalacións públicas, como ambulatorios, bibliotecas, polideportivos, centros educativos, sedes municipais ou parques para protexer aos máis vulnerables das ondas de calor.

Durante a xuntanza os representantes da Universidade de Vigo tiveron tamén a oportunidade de explicarlle á vicepresidenta segunda o Plan Suvi, dirixido a mellorar a eficiencia enerxética e a reducir a pegada de carbono da Universidade de Vigo, pegada que só nos últimos cinco anos conseguiu reducirse nesta institución un 26%. Esta iniciativa, tal e como lle explicaron os responsables da Uvigo á conselleira, desenvolve accións en pro da sostibilidade a través da instalación de xeotermia no campus de Ourense, de biomasa no de Pontevedra e de enerxía fotovoltaica nos edificios de todos os campus.

Salir de la versión móvil