O Grao en Deseño e o Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual comezarán a impartirse na Universidade de Vigo o vindeiro curso académico, no que tamén se porán en marcha catro novos mestrados, en Enxeñaría Aeronáutica, Xestión Sostible da Auga, Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica e Fabricación Aditiva. Así o recolle a oferta de prazas de novo ingreso en títulos oficiais de grao e máster nas universidades públicas galegas da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, ratificada nos últimos días pola Conferencia General de Política Universitaria.
En conxunto, a UVigo contará no curso 2023/2024 con 3889 prazas de grao de novo ingreso, entre as que figuran as 50 asignadas ao Grao en Enxeñaría da Automoción con mención dual, “que está pendente de obter o informe final favorable da Axencia para Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e da súa aprobación por parte do Consello Galego de Universidades”, explica o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, que incide en que espera isto non sexa un problema “para que empece no curso 2023/2024”.
Adscrita á Escola de Enxeñería Industrial, trátase, engade, “dunha titulación cunha grande importancia para a Universidade, porque pódese falar do primeiro grao realmente dual que se establece na UVigo, coa colaboración do clúster da automoción, que vai acoller os estudantes”, que realizarán os 48 créditos do último curso en empresas desta industria.
Xa co informe favorable da ACSUG, en setembro botará a andar no campus de Pontevedra o Grao en Deseño, unha titulación “pola que levabamos moitos anos pelexando e que engarza perfectamente dentro do que é o campus de especialización Crea”, sinala o vicerreitor. Con 45 prazas para alumnado de novo ingreso, a titulación arrancará no espazo cedido á UVigo no edificio administrativo da Xunta na rúa Benito Corbal.
Así mesmo, a oferta de prazas de novo ingreso do sistema universitario galego permite tamén confirmar a implantación, no campus de Ourense, do máster en Enxeñaría Aeronáutica, tras obter tamén o informe favorable da ACSUG. “Este mestrado era unha petición da cidadanía ourensá que por fin chega a bo porto”, recoñece Lago dunha titulación exclusiva da UVigo, dirixida aos graduados e graduadas en Enxeñaría Aeroespacial e que dá acceso á profesión regulada.
Coa incorporación, tamén doutros tres novos títulos de carácter interuniversitario, a Universidade ofertará no curso 2023/2024 un total de 1704 prazas de máster de novo ingreso.
Novos graos en Vigo e Pontevedra
“Pendente dos trámites finais para a verificación do título”, como lembra Lago, a Universidade estreará o vindeiro curso o Grao en Enxeñaría de Automoción con mención dual, no que, logo dunha formación nas bases científicas da enxeñaría, o alumnado realizará os 48 créditos do último curso en empresas do sector da automoción, mediante a modalidade de formación dual, que permitirá aos futuros titulados e tituladas realizar 1200 horas de formación no ámbito empresarial.
De aí que Lago incida na colaboración desta industria para a posta en marcha desta titulación, referendada no convenio que o pasado mes de abril asinaban a Universidade, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Stellantis, o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e o Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA).
Por outra banda, o Grao en Deseño ten como obxectivo formar deseñadores e deseñadoras integrais, capaces de xerar proxectos que teñan en conta múltiples procesos e soportes comunicativos e as novas posibilidades abertas en áreas como a dixitalización, os novos materiais no ámbito da moda ou o deseño de aplicacións. A titulación contará cunha formación común nos dous primeiros cursos, mentres que nos dous últimos o alumnado poderá escoller entre as materias das súas dúas especialidades, deseño gráfico/dixital e deseño de moda.
O seu primeiro curso impartirase a partir de setembro no edificio da Xunta en Benito Corbal, onde terá a súa sede provisional a Facultade de Deseño, á que se adscriben tanto esta titulación como o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, que continuará impartíndose nas instalacións de Belas Artes.
Alén destas dúas novas titulacións, o resto dos graos impartidos na Universidade manterán o vindeiro curso o seu número de prazas de novo ingreso, coa excepción do Grao en Comunicación Audiovisual, que pasa de 45 a 50.
Novos mestrados en Vigo e Ourense
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo de Ourense contará desde o vindeiro curso cun mestrado que dá acceso a unha profesión regulada e que terá unha duración de dous anos e 120 créditos ETCS. O Máster en Enxeñaría Aeronáutica outorgará aos seus titulados e tituladas múltiples capacidades, como deseñar, construír, inspeccionar e certificar todo tipo de aeronaves e vehículos espaciais, cos seus conseguintes subsistemas, así como planificar, proxectar e controlar os procesos construtivos de infraestruturas, edificios e instalacións aeroportuarias, xunto co seu mantemento, conservación e explotación.
No campus de Vigo, poranse en marcha tres novos máster de carácter interuniversitario, dous deles pertencentes ao catálogo Galicia 2030 de perfís profesionais, impulsado pola Xunta. Trátase dos mestrados en Xestión Sostible da Auga e en Fabricación Aditiva, que contarán en ambos casos con dez prazas na UVigo. O primeiro deles, dun ano e medio de duración, estará adscrito á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e vai dirixido principalmente a profesionais do ámbito da auga e titulados das ramas de enxeñaría e ciencias.
O Máster en Fabricación Aditiva, que se impartirá na Escola de Enxeñería Industrial, é un título cun carácter interdisciplinar, dun ano e duración, orientado a formar profesionais capaces de dirixir o ciclo de desenvolvemento dun produto, desde o seu deseño ata o seu prototipado. Por último, adscrito á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e con oito prazas, o mestrado en Ciencias e Tecnoloxías da Información Cuántica é tamén unha titulación dun ano, que achegará unha formación de carácter científico sobre os fundamentos e aplicacións na computación e nas comunicacións das tecnoloxías baseadas no procesamento cuántico da información.
Por outra banda, o vindeiro curso porase tamén en marcha o novo mestrado en Avogacía e Procuradoría, que, como sinala Lago, “modifica o anterior Máster Universitario en Avogacía”, de acordo cun cambio lexislativo sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador de tribunais, “que obriga a que no curso 2023/2024 estea activa” esta nova titulación, sinala o vicerreitor.
De feito, esta circunstancia fixo que o proceso de verificación deste máster “tivese un calendario diferente ao resto”, de tal xeito que o novo título conta polo de agora “co informe provisional da ACSUG”, apunta Lago, que incide en que “agardamos conseguir xa o informe favorable o máis axiña posible”.