A Universidade de Vigo e o centro de investigación atlanTTic son dous dos socios do proxecto EDIH DATAlife, o único Hub de Innovación Dixital galego que recibe apoio económico da Comisión Europea. Unha vez acadado este selo de excelencia, o proxecto botou a andar a comezos deste ano cunha duración de tres anos e un orzamento total de case 5,5 millóns de euros, dos cales o 50% serán cofinanciados pola CE e, o resto, polo Ministerio de Industria, Comercio y Turismo.
Coa participación de 15 socios, o obxectivo común é acelerar a dixitalización e aplicar intelixencia artificial e big data nas empresas, fundamentalmente das pemes, que desenvolven a súa actividade nalgunha das catro cadeas de valor estratéxicas de Galicia e de DATAlife: agro-mar alimentación, biotecnoloxía, forestal-madeira e saúde-coidados.
EDIH DATAlife (Digital Innovation Hub for the deployment of Artificial Intelligence and Data Analytics in SMEs in the primary, biotechnological and health sectors) conta coa participación das universidades de Vigo e Santiago, Feuga, Anfaco, Gradiant, Cesga, varios clústeres sectoriais e a empresa Televés. Do orzamento total de 5,5 millóns de euros, 522.000 euros corresponden á Universidade de Vigo, cun financiamento europeo de 261.000.
Biorrexión de referencia en Europa
O proxecto nace coa misión de converter Galicia en biorrexión de referencia en Europa mediante a posta en contacto, coordinación e creación de sinerxías entre os axentes do ecosistema de innovación e os sectores produtivos. Trátase de axudar a mellorar a competitividade das empresas galegas introducindo tecnoloxías disruptivas como a intelixencia artificial, o big data, o internet da cousas, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade; ademais da creación de espazos colaboradores e federados. En resumo, o consorcio busca dinamizar o ecosistema de innovación galego, facilitando o acceso a financiación, promovendo a formación en dixitalización e fomentando que as empresas proben este tipo de tecnoloxías sen custe.
Deste xeito, DATAlife converterase nunha fiestra única de acceso a servicios especializados e innovadores de carácter tecnolóxico, formativo e de desenvolvemento de negocio; tecnoloxías e infraestruturas de última xeración de uso compartido a disposición do ecosistema; e actividades de coordinación do ecosistema de innovación arredor das tecnoloxías dixitais.
Como explica o director de atlanTTic e IP do proxecto na UVigo, Martín Llamas, o obxectivo é “a adopción por parte das PEMEs do big data, as tecnoloxías de IA, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade, entre outras, xa que estas tecnoloxías lles permitirán aumentar a súa competitividade nun mercado cada vez máis esixente”. Para conseguir esta transformación dixital do tecido económico, universidades, centros tecnolóxicos e de competencias, clústeres sectoriais e grandes empresas traballarán xuntos para crear unha contorna xusta, verde e saudable adaptada á era da información.
Implicación da UVigo e de atlanTTic
Dentro deste proxecto, a UVigo forma parte do paquete de traballo Ecosystem & networks, encargándose das tarefas relacionadas coa transferencia de coñecemento e tecnoloxía. Pola súa banda, o centro de investigación atlanTTic está centrado no paquete Test Before Invest, que comprende tarefas como o desenvolvemento de tecnoloxías para a mellora da ciberseguridade; o desenvolvemento, proba, validación e demostración de tecnoloxías dixitais e a investigación, desenvolvemento e posta en marcha de tecnoloxías dixitais adaptadas as necesidades sectoriais.
Outro paquete no que participa atlanTTic é Digital Training & Skills, centrado no deseño dunha metodoloxía para a formación baseada no análise de necesidades dos sectores e tecnoloxías xa mencionadas. Ademais, tanto UVigo como atlanTTic participan xunto con todos os socios nos paquetes de coordinación e xestión e de comunicación e diseminación.