A UVigo bate récords na captación de fondos nacionais coa consecución de 5,5 millóns de euros

Publicidad

5,5 millóns de euros para a posta en marcha de 40 proxectos de investigación. Este é o histórico resultado acadado pola Universidade de Vigo na última convocatoria das axudas Proxectos de Xeración de Coñecemento convocadas no marco do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023. “Trátase da cifra máis alta acadada pola institución en captación do plan nacional”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, quen se amosou “moi satisfeita” polos resultados acadados, xa que amosan “un moi bo progreso, tanto no número como na consecución de fondos”, un éxito que, ao se modo de ver, “deriva e susténtanse na creación e apoio a estruturas de maior dimensión como son os centros de investigación”.

Solicitáranse un total de 86 proxectos e concedéronse 40, o que sitúa a taxa de éxito no 46,5%. “Esta cifra foi medrando progresivamente desde o ano 2018, cando se situaba no 29%”, apunta Rubio, ao que engade que aproximadamente a metade dos proxectos foi conseguida polos investigadores e investigadoras pertencentes aos diferentes centros de investigación da institución académica viguesa, incluíndo os centros CIGUS (CIM, CINBIO e atlanTTic), o centro propio Cintecx e o centro interuniversitario Ecobas.

Esta convocatoria vén tamén marcada porque, pouco a pouco, se van equilibrando as solicitudes concedidas a investigadores (25) e investigadoras (15), o que, a xuízo da vicerreitora, podería comezar a relacionarse coas accións de apoio á investigación das mulleres que se fai na universidade, tales como a redución de docencia e a potenciación da investigación con posterioridade á maternidade que se iniciou no curso pasado. “Aínda que en número de solicitudes as mulleres seguen solicitando menos proxectos como IPs (aprox. o 40% do total de solicitudes), por primeira vez nesta convocatoria a taxa de éxito é similar entre homes e mulleres”, salientou Rubio.

O CIM, con seis proxectos, roza o millón de euros captados

A convocatoria do plan nacional deixa excelentes resultados para o CIM, o Centro de Investigación Mariña, desde onde se conseguiron seis proxectos, o que supón unha entrada de financiamento que roza o millón de euros: 997.500 €.

O estudo que conta cunha maior cantidade de financiamento (282.500 euros) é o proxecto DEVELIFE, dirixido polos investigadores do grupo de Ecoloxía Animal Alberto Velando e Sin Yeon Kim, e que se insire dentro dos múltiples traballos que a comunidade científica está a pór en marcha para tratar de entender como os cambios ambientais que está a experimentar a sociedade afectan á persistencia das poboacións naturais. “Imos estudar como as condicións de desenvolvemento afectan á flexibilidade e á persistencia de características durante a vida, estudando diferentes poboacións naturais do peixe espiñoso e da gaivota patiamarela, dous vertebrados singulares que poden actuar como sentinelas das respostas a estes cambios ambientais”, explica Velando. Nos catro anos que durará o proxecto estudarán os mecanismos que subxacen á evolución da programación fenotípica durante o desenvolvemento, como cambios na metilación do ADN, na expresión xénica e nos niveis de glucocorticoides e que condicionan a supervivencia e a reprodución na etapa adulta.

A este estudo súmanse outros cinco traballos dirixidos desde o CIM: un proxecto coordinado polo profesor José Luis Soengas, do grupo Fisioloxía de Peixes, PHYStoFISH, financiado con 256.000 euros; un de Juan Galindo, do grupo de Xenética de Poboacións e Citoxenética, con 207.500 €; un de Guillermo Velo, do grupo de Ecoloxía Animal, con 170.000 euros; un de Ricardo Beiras, de Ecoloxía e Zooloxía, con 163.750 €, e outro de Carlos Bendicho, do grupo de Química Analítica Ambiental e Espectroscopia, financiado con 131.000 euros.

900.000 euros para o CINBIO e 800.000 para Cintecx

No caso do CINBIO concedéronse cinco propostas financiados con 900.000 euros. O proxecto que acadou un maior financiamento é PLASMOFSERS, liderado polos investigadores Isabel Pastoriza Santos e Jorge Pérez Juste, do grupo de Nanobiomateriais Funcionais. Financiado con 250.000 euros, o estudo ten como obxectivo principal o deseño e fabricación de plataformas sensoras ultrasensibles para a detección de substancias de interese como gases de escape ou biomarcadores gaseosos asociados a enfermidades e a discriminación de enantiómeros en fase líquida, polo que, tal e como subliñan os seus coordinadores, “contribuirá o desenvolvemento de estratexias de (bio)detección e diagnóstico médico máis eficaces”. A listaxe de propostas concedidas complétase cun proxecto do profesor Ángel Rodríguez de Lera, do grupo de Química Orgánica (231.000 €); un de Susana Magadán, do grupo de Inmunoloxía (218.750€); Laura Salonem, de Nanomateriais Híbridos (118.750€), e José Antonio Lamas, Fisioloxía Endocrina e Neurofisioloxía (81.250 €).

A convocatoria nacional deixa tamén excelentes resultados para o CINTECX, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo. Ao igual ca no CINBIO conseguíronse cinco proxectos, dotados con 800.000 euros e dirixidos por Pedro Arias, Mª Mercedes Solla, Xosé Ramón Novoa, Rafael Comesaña e Jesús Doval.

Catro proxectos para Ecobas e dous para atlanTTic

Para o centro interuniversitario Ecobas, Economic and Business Administration for Society, esta convocatoria permitiu acadar algo máis de 350.000 euros de financiamento para a posta en marcha de catro proxectos na Universidade de Vigo, dirixidos neste caso por Xosé Henrique Vázquez Vicente, Ernesto López Valeiras, Coral del Río Otero e Santiago Lago Peñas. No caso de atlanTTic o resultado foi de dous proxectos aprobados por valor de 226.125 euros que correrán a cargo de Roberto López Valcarce e Fermín Navarro.

Múltiples proxectos para os ámbitos xurídico e humanístico

Xunto a todos estes proxectos que se porán en marcha desde os diferentes centros de investigación da Universidade de Vigo, a convocatoria contempla tamén axudas para a posta en marcha de múltiples estudos dirixidos por docentes que non están adscritos a ningún centro de investigación, tanto do ámbito científico-técnico como dos eidos xurídico-social e humanístico. Son proxectos dirixidos por investigadores e investigadoras de facultades como Ciencias, Ciencias Xurídicas e do Traballo, Comunicación, Dereito, Educación e Traballo Social, Enxeñaría Forestal, Filoloxía e Tradución ou Historia. “Nestes ámbitos tamén temos moita canteira e, en breve, a creación de novos institutos potenciará tamén a investigación nestes eidos na UVigo”, recalca a vicerreitora de Investigación.

Salir de la versión móvil