A UVigo celebra o 11 de febreiro rachando estereotipos e creando vocacións

Publicidad

Múltiples actividades cun único obxectivo: dar visibilidade ao traballo que día a día levan a cabo as tecnólogas e científicas e fomentar as vocacións entre as nenas e adolescentes. A Universidade de Vigo celebrou este venres o 11 de febreiro, Día Internacional da muller e a nena na ciencia, coa feira divulgativa eXXperimenta en Feminino, na cidade de Ourense, e co programa de obradoiros Elas fan Cientec no campus de Vigo. Son as dúas iniciativas máis visibles organizadas en torno a esta data e coas que a UVigo busca rachar estereotipos e crear vocacións, pero non son as únicas, estes días celebráronse diferentes iniciativas e ao longo de todo o mes preto de 40 investigadoras están a impartir en centros educativos de toda Galicia charlas sobre o seu traballo e, en xeral, sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía.

Todas as iniciativas son poucas para reverter a tendencia do baixo número de mulleres matriculadas nas denominadas carreiras STEM ou CTEM, siglas en inglés e español de Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. A día de hoxe na Universidade de Vigo a Escola de Enxeñaría Informática é o centro cunha menor porcentaxe de estudantado feminino, apenas un 15% do total de alumnado–incluíndo grao, máster e doutoramento- e a situación non é moito mellor en escolas como Enxeñaría de Telecomunicación -20% de alumnado feminino- ou Enxeñaría Industrial -25% de alumnado feminino-, onde hai titulacións como o Grao en Enxeñaría Mecánica no que a porcentaxe de alumnas apenas representa o 13% do alumnado.

200 mozas participan en Vigo nos obradoiros Elas fan Cientec

Organizados por docentes e investigadoras das diferentes escolas e facultades co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade, este ano participaron nos obradoiros de Elas fan Cientec 200 alumnas de 3º e 4º curso de Ensino Secundario Obrigatorio, tanto de Vigo cidade como da súa contorna. Para a inmensa maioría destas rapazas foi o seu primeiro contacto coa Universidade, unha institución que, tal e como se lles repetiu nas diferentes presentacións, estará encargada de recibilas en apenas un par de anos.

Na Escola de Enxeñaría Industrial participaron nos obradoiros 52 alumnas do IES de Valadares. Entre outras actividades, asistiron a un obradoiro de termografía infravermella no que puideron comprobar como estas tecnoloxías axudan, por exemplo, a previr incendios, a mellorar a eficiencia enerxética nos fogares ou a localizar seres vivos, e a un taller sobre deseño e prototipado no que se achegaron ao software de deseño 3D e no que coñeceron máis de preto como se realizan os implantes que se empregan na cirurxía veterinaria. No caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación participaron nos obradoiros medio cento de alumnas do IES Antón Alonso Ríos de Tomiño que asistiron a un obradoiro de Lego Robotics e a un taller de programación con Scratch ou introducións á programación web e ao seu funcionamento. Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía recibiu a 37 rapazas do IES do Castro. Nos seus laboratorios participaron na xincana Science Games: Catching Fire, no concurso grupal The Wall e en talleres de física e astrofísica, de materiais e de minerais.

No Centro de Investigacións Biomédicas, Cinbio, foron máis de vinte as investigadoras que se implicaron na organización dos diferentes talleres, seis obradoiros nos que participaron 50 alumnas do IES Illa de Tambo de Marín. Encargouse de recibilas a profesora Diana Valverde, subdirectora do centro e investigadora principal do Laboratorio de Enfermidades Raras. Logo dividíronse en grupos para ir pasando polos diferentes laboratorios. No obradoiro de Química Orgánica, Orchid, organizaron para elas o taller Un día entre moléculas no que puideron practicar diferentes experimentos (xardín botánico, síntese de nylon, reloxo químico de iodo...). No Laboratorio FanNanoBio, practicaron coas propiedades dos materiais na escala dos nanómetros e prepararon nanopartículas de ouro; no de TeamNanoTech, coa síntese de nanopartículas en disolución e coa comprobación das propiedades ópticas; no de Materiais Magnéticos, comprobaron as propiedades magnéticas; no de Inmunoloxía, avaliaron a resposta inmunitaria en laboratorio, e no XB2/GXB con cromosomas sexuais e coa herdanza ligada ao sexo.

Salir de la versión móvil