A UVigo celebra unha xornada de videoxogos en galego cun amplo programa de actividades

Publicidad

"Voute preservar, miñoca!". Con este suxerinte título, a Universidade de Vigo organiza para este venres 15 de setembro unha xornada na que os videoxogos en galego e a arqueoloxía se darán a man. O evento terá lugar no edificio Rederias, na Praza do Berbés, e será aberto ao público en xeral, pesando específicamente para a mocidade, pero non exclusivamente. "É evidente que o mundo dos videoxogos cada vez se estende a máis capas de idade", explicou a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, que adianta que haberá actividades específicamene dirixidas ás familias.

Coincidindo coa clausura da exposición Arqueoloxía dixital galega, na que se achega ás persoas espectadoras a diferentes aspectos relacionados coas redes sociais e Internet en Galicia, as actividades da xornada van dirixidas a remarcar a importancia do uso do galego no mundo dos videoxogos. Trátase, a xuízo da vicerreitora, “de reivindicar a presenza da nosa lingua nun contexto de grande actualidade entre a xuventude” e para conseguilo contarase coa participación de especialistas, profesorado e alumnado dos tres campus que, a través das súas propias experiencias, tratarán de lanzar “unha mensaxe de esperanza do uso do galego cara as novas tendencias”.

Todo un abano de posibilidades para amantes dos videoxogos

O programa arrancará ás 11:30 horas cun encontro didáctico cos responsables de UVigo SpaceLab, un equipo multidisciplinar de alumnas e alumnos de diferentes escolas de enxeñaría da UVigo dedicados ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais dentro do ámbito educacional. A continuación, ás 12:00 horas, arrancará a zona de videoxogos retro en galego,  centrada nas consolas que reinaron nos anos oitenta e noventa.

A maior parte de actividades concéntranse pola tarde. Empezaran ás 16:30 horas con "Entre nós", un xogo multixogador en liña pensado para familias, menores de 12 anos acompañados. Ás 17:00 horas está previsto un hackaton para crear guións de videoxogos, aberto a persoas maiores de 14 anos, e, á mesma hora, terá tamén lugar un adestramento de elite en deportes dixitais a cargo de Tomás Leis Bravos, capitán do equipo de e-Sports Valorant da UVigo e, segundo se destaca no programa, “un dos mellores deportistas de Galicia e un as niso de saber trucos”.

Referente indiscutible no mundo da dobraxe, outro dos convidados será Julio Lorenzo, o actor que lle puxo voz a Son Goku para a TVG, que contará neste acto múltiples anécdotas coas que amosar “como se pode chegar a superar o millón de unidades de forza niso de motivar a falar en galego a varias xeracións”.

A maiores, o programa inclúe tamén un campionato de Dragon Ball Z e unha pequena charla do profesor e co director do título propio de Especialista en Tradución para a Industria do Videoxogo, José Yuste, sobre traducir e paratraducir os videoxogos en Galicia. A xornada pecharase  ás 20:00 horas coa clausura da exposición Arqueoloxía Dixital Galega que pode visitarse no edificio Redeiras desde o pasado mes de xullo e que agora seguirá a súa andaina polo resto de campus da UVigo, así como por outras institucións.

Salir de la versión móvil