A UVigo comeza a recuperar as cifras de alumnado estranxeiro previas á pandemia

Publicidad

Despois dun ano marcado pola pandemia, o número de estudantes estranxeiros que elixen a Universidade de Vigo para completar os seus estudos comeza a recuperarse e achégase, pouco a pouco, ás cifras previas á pandemia da covid-19. En total, son 277 alumnos e alumnas as que, a través de programas como Erasmus, ISEP ou convenios bilaterais, estarán nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra ao longo de todo o curso (39) ou ben no primeiro cuadrimestre (238). Os que queiran elixir a UVigo como universidade de acollida no segundo cuadrimestre teñen ata o 15 de novembro para solicitalo nas súas universidades de orixe.

Ao longo destas primeiras semanas de curso, as escolas e facultades dos tres campus están a organizar os actos de recibimento ao alumnado de intercambio, xa que polas restricións anti-covid non é posible celebrar o tradicional acto de benvida que cada campus acollía a comezos do curso. A cifra total de 277 estudantes, fronte aos 118 do curso pasado, amosa que os programas de mobilidade internacional van recuperando o pulso e achegándose a cifras previas á pandemia, por exemplo, os 412 estudantes estranxeiros que comezaron o curso 2019-2020 na UVigo. A valoración da vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval é moi positiva, xa que “a falta de ter o cómputo total dos datos para o segundo cuadrimestre, as cifras do primeiro así como do curso completo permítennos ser optimistas. Semella que estamos no camiño de volver á situación prepandemia”. Entre as causas, a vicerreitora sinala que as mobilidades presenciais “non se pararon por parte da UVigo” en ningún momento, e este feito, xunto co “despregue das ferramentas de virtualización do ensino e uns protocolos anti-covid xa testados con demostrado éxito, fan que as universidades e os estudantes estranxeiros nos vexan como unha institución para a que a internacionalización dos seus estudos e a colaboración coas demais universidades é unha prioridade”.

Con todo, a vicerreitora láiase de que algunhas universidades europeas sigan a ter moitas dificultades para poder materializar as estadías dos seus estudantes. A todas elas, “dende a UVigo lles prestamos todo o noso apoio e colaboración” para que os intercambios se normalicen e volvan á situación previa á pandemia. E é que segundo Doval, a mobilidade converteuse nun dos elementos que mellor e en maior medida marcan a diferencia na vida do estudante universitario. “Tense demostrado que resulta altamente positiva para a bagaxe académica e o desenvolvemento persoal do alumnado e, ademais, constitúe unha das principais vías de mellora da empregabilidade”. Precisamente por estes motivos, recalca a responsable da Vicerreitoría de Internacionalización, “a UVigo mantén a súa aposta por este intercambio académico e conta actualmente con numerosos programas que permiten a mobilidade de estudantes entre universidades de todo o mundo”. Aos estudantes que acaban de chegar Doval animounos “a coñecer as cidades pero tamén as vilas e aldeas, as nosas costumes e o noso patrimonio no amplo sentido do termo”.

Perfil do alumnado

Neste curso 2021-2022 no que se refire á recepción de alumnado foráneo a diferencia entre os campus é moi evidente. Vigo segue sendo o campus máis internacional, con 222 estudantes que cursarán nas súas aulas o curso completo (33) ou o primeiro cuadrimestre (189). Mentres, en Pontevedra haberá 30 estudantes estranxeiros (28 deles no primeiro cuadrimestre e 2 todo o ano) e en Ourense 25 (21 no primeiro cuadrimestre e 4 o curso completo).

Unha vez máis, a Facultade de Filoloxía e Tradución é o centro máis internacional, acollendo 82 alumnos e alumnas de intercambio. Por detrás deste centro do eido humanístico, sitúase a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais con 40 e a Escola de Enxeñaría Industrial con 35. En Pontevedra, o centro con máis estudantes alleos é a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, con 11, seguido de Ciencias Sociais e da Comunicación con 10. En Ourense destaca a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, que recibe 13.

No que atinxe á distribución xeográfica, son 25 os países de orixe do alumnado internacional. Como viña sucedendo en cursos previos, o grupo máis numeroso procede de universidades francesas, un total de 56 estudantes, sendo Alemaña o segundo país de orixe maioritario, con 52 alumnos e alumnas. Tras estes dous países sitúase Italia, con 45 e xa máis distanciados, Polonia con 25 e Turquía con 17.

Salir de la versión móvil