A UVigo confírmase como a terceira universidade española máis transparente

Publicidad

Transparencia institucional, comunicación pública, participación e colaboración, transparencia económica-financeira e contratación de servizos. Estes son o cinco eixes ou temáticas que avalía a plataforma colaborativa de transparencia Dyntra, que centra a súa actividade na medición e xestión do goberno aberto nas organizacións. No seu último ránking, publicado co gallo da Semana de la Administración Abierta de 2022, Dyntra sitúa a Universidade de Vigo como a primeira administración pública galega e a terceira universidade de España máis transparente. Ademais, a UVigo confírmase como a sexta administración pública de España en transparencia. “Valorámolo moi positivamente. A UVigo é un bo modelo a seguir por outras administracións con menos cultura de transparencia e rendemento de contas, un bo espello no que mirarse”, sinala a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval.

Neste ránking dinámico que elabora Dyntra, a UVigo estreábase en 2018 cumprindo un 62,88% dos indicadores. Pasados catro anos, nos que a institución académica viguesa ocupou habitualmente os tres primeiros postos, chegando incluso ao primeiro, na clasificación de universidades, a UVigo acada un 92,31% de cumprimento de 156 de 169 indicadores. “O incremento no número de indicadores avaliados, que pasaron dos 137 a 169, complica manterse nas primeiras posicións”, destaca Doval, que tamén pon de manifesto a importancia de dar máis impulso a estas cuestións, “que teñen moito que ver coa Responsabilidade Social e o goberno aberto, e coa nosa reputación. Que a UVigo sexa líder é unha mostra de que a transparencia é un dos valores estratéxicos na nosa universidade, algo no que temos escalado bastantes puntos porcentuais nos últimos anos”, confirma.

Na clasificación de administracións públicas españolas, das case 700 avaliadas, a UVigo sitúase no sexto posto, por debaixo das universidades de Murcia e Huelva, os concellos de Pozoblanco e Fuengirola e a Generalitat Valenciana. Cunha porcentaxe de cumprimento dos indicadores avaliados do 92,31% , a Universidade de Vigo é ademais a administración pública galega máis transparente, cinco postos por diante da segunda que é a Deputación Provincial de Ourense, que acadou unha porcentaxe de cumprimento do 90,48%. Mentres, no ránking de universidades, que avalía 77 institucións académicas públicas e privadas, Murcia e Huelva, encabezan a clasificación, seguidas de Vigo, que se sitúa por diante da Universidad Complutense, Burgos, Valladolid e A Coruña, que ocupa o sétimo posto do ránking, xunto á Universidad Rey Juan Carlos.

Máis do 90% de cumprimento en todas as áreas avaliadas

Nos cinco eixes ou temáticas avaliadas, a UVigo acada os mellores resultados de cumprimento dos indicadores en Transparencia económico- financeira (95%) e Contratacións de servizos (94,74%), mentres que en Comunicación pública acadouse un 92%; en Transparencia institucional un 91,67% e en Participación e colaboración un 90,48%. En canto a indicadores concretos, destaca o 100% de cumprimento en procedementos de contratación de servizos, así como nos que teñen que ver co dereito ao acceso á información e a atención e información ao alumnado, os referidos á e-administración e á comunicación pública e o da información sobre a estrutura e as normas da universidades.

“O resultado deste ránking di que a UVigo está no bo camiño do goberno aberto”, asegura Maribel Doval, que en relación con aqueles indicadores nos que a institución no acada o “aprobado”, explica que es “porque non fixo de maneira que todo o mundo poida acceder á información de xeito sinxelo, ou ben por que hai algúns indicadores aos que lle demos pouca importancia interna, como o enlace a redes sociais das decanas e decanos, ou que se publique a axenda dos decanatos, que non obstante, son os ránkings de transparencia empezan a ter en conta. Tamén ás veces é difícil saber ata onde podemos chegar con cuestións de privacidade e ata onde coa transparencia, é bastante complexo”.

Accións pendentes a prol dunha maior transparencia

A posta en servizo dun portal de Open Data, facer o Portal de Transparencia de máis accesible para a cidadanía en xeral, ou a incorporación de perfís de analistas de datos e prospectiva, son para a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, cuestións que a UVigo debe acometer para seguir mellorando a súa posición nos ránkings, pero sobre todo para “achegar a información a todas as persoas, sen exclusión”. Neste sentido, Doval incide en que a cidadanía valora positivamente o goberno aberto e cada vez son máis as entidades que se fixan nestes indicadores “porque lles transmitimos que somos moi fiables á hora de facer acordos ou contratos, por exemplo. Pero as familias e os futuro alumnado tamén o valorará cada vez máis”, asegura a vicerreitora, para quen “na UVigo non só ensinamos e aprendemos con calidade, non só investigamos, innovamos e transferimos moi ben, senón que o facemos de forma aberta e responsable”.

Salir de la versión móvil