Un ano máis, o Examen de transparencia 2024 elaborado pola Fundación Haz volve situar a Universidade de Vigo como unha das máis transparentes do Estado. Como se recolle na nova edición do Informe de transparencia y buen gobierno de las universidades españolas, a institución olívica mantén un índice de cumprimento do 98% dos indicadores e polo tanto renova o selo de transparencia T na categoría de tres estrelas, o máximo posible que concede esta fundación.
O documento analiza o comportamento de 49 universidades públicas e 26 privadas e a puntuación obtida pola Universidade de Vigo é superior á media das públicas, que é do 88% de cumprimento. Deste xeito, a institución olívica sitúase no grupo de cabeza, xunto ás universidades de Alacante, Cantabria, Jaén, Huelva, Valladolid e Rey Juan Carlos, que este ano obtiveron un 98% de cumprimento, a puntuación máis alta nesta edición.
Ademais, a UVigo mellora os resultados respecto da pasada edición deste estudo, cando conseguira cumprir 27 indicadores na súa totalidade e un parcialmente. Neste 2024, tras ampliarse o número de indicadores, cúmprense 30 totalmente e un parcialmente, obtendo así 61 puntos dun total de 62 posibles.
Selo T***
Os resultados permiten á UVigo renovar o Selo T***, a máxima cualificación posible, para a que se require cumprir polo menos o 90% de indicadores. Como explicaba o reitor, Manuel Reigosa, no Consello de Goberno celebrado onte, a institución viguesa obtivo esta máxima distinción en cada unha das edicións do informe nas que foi avaliada. En total, 20 universidades públicas e tres privadas acadaron o Selo T*** neste 2024.
O reitor valoraba moi positivamente os resultados acadados e poñía en valor que son froito do esforzo e do traballo colectivo, “tanto da Unidade de Análises e Programas, como do equipo de goberno e da institución no seu conxunto” e, neste senso, quixo destacar o “especial agarimo que está tendo con esta temática o Consello Social, porque algúns dos elementos que nos faltaban e que agora se puxeron en marcha supuxeron que desde este órgano tiveran que mudar algunhas das cousas que facían”.
Para a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, “é unha satisfacción comprobar que paulatinamente melloramos uns resultados que xa eran moi bos. Sen dúbida, esta distinción e a mellora das porcentaxes sitúanos nunha excelente posición que nos singulariza coma unhas das universidades máis transparentes do Estado. Este éxito é de toda a comunidade universitaria e coincide cun dos obxectivos do plan estratéxico e tamén amosa a calidade do traballo da Unidade de Análises e Programas”.
Evolución dos indicadores da UVigo
O informa avalía 31 indicadores de transparencia relacionados con diferentes eidos como o persoal, os estatutos, os salarios, o nivel de endogamia, as auditorías, os ránking, a investigación, a empregabilidade, etc. A Universidade de Vigo obtén o cumprimento total en 30 deles, e un cumprimento parcial no indicador Responsable de compliance, de la nueva área Consejo social: ética y compliance, que se inclúe por primeira vez nesta edición e que ningunha universidade cumpre totalmente. Respecto da evolución do cumprimento de indicadores dos últimos tres informes (2024, 2023 e 2022), os indicadores nos que a UVigo presentaba un cumprimento parcial, é dicir, o Informe de responsabilidad social e o Informe de actividades del consejo social, xa se cumpre plenamente dende o ano 2023.
O 96% das universidades públicas son transparentes
No informe da Fundación Haz de 2024 os campus públicos obteñen o mellor resultado global de todos os anos, co 96% cualificados como transparentes, só dous (4%) translúcidos e ningún opaco. No caso das universidades privadas, tan só unha quinta parte acada a cualificación de transparentes, o 19%, mentres que o 35% se categorizan como opacas e o outro 46% como translúcidas.
Nesta décimo segunda edición reflíctese que a información económica que publican os centros públicos alcanza un nivel de cumprimento medio do 99%, sendo este un dos eidos nos que a distancia é maior entre universidades públicas e privadas, estas últimas cun 27% de media de cumprimento. A novidade máis destacada nesta edición do informe é a avaliación por primeira vez da área de Ética e compliance, froito da esixencia da nova Ley Orgánica del Sistema Universitario (LOSU) que, no caso das universidades públicas, asigna este labor de vixilancia e compliance ao Consello Social. Segundo se recolle no informe, este é “o principal reto ao que se enfrontan os centros públicos que deben “atribuír sen demora a supervisión desta área aos consellos sociais dotándoos das ferramentas e recursos necesarios”.
Ránking Dyntra
Por outra parte, a UVigo segue estando entre as universidades máis transparentes no ránking de transparencia de universidades da plataforma Dyntra. Neste caso, mellorouse o cumprimento dos indicadores pasando de 159 o ano pasado a 160 este ano, o que permite conservar o terceiro posto.