A UVigo cualifica de “éxito moi salientable” os 1,1 millóns de euros acadados nas axudas do Goberno

Publicidad

A finais de agosto fíxose público que Vigo era unha das 16 universidades españolas beneficiarias das axudas que concedía o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, con cargo a fondos europeos, para impartir formación en materia de dixitalización e sustentabilidade no ámbito do transporte e a mobilidade. Repartíronse en total 9,9 millóns de euros, dos que a institución académica viguesa conseguiu 1,1 millóns, o que supón preto do 10% do orzamento total da convocatoria, un “éxito moi salientable”, tal e como explicou o reitor Manuel Reigosa nunha rolda de prensa, celebrada este xoves no edificio Redeiras, na que estivo acompañado polo vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, e o vicerreitor do campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo, e que contou tamén coa asistencia dos coordinadores dos cursos e dos responsables dos centros implicados.

A resolución das axudas asignou á UVigo un total de 1.081.050 euros para organizar 21 accións formativas “que encaixan perfectamente no que queremos facer, así como no paradigma da Declaración de Lisboa e tamén de Boloña, onde o grao de desenvolvemento xa é total en grao, mestrado e doutoramento, pero onde aínda queda moito por avanzar en todo o que se refire á formación permanente ao longo da vida, tanto para os nosos egresados como para o conxunto da poboación”, salientou o reitor, quen fixo fincapé na importancia de estar “moi atentos” aos ventos que chegan de Europa e que, “falan precisamente diso, de formación continúa e de partillar o coñecemento”. Reigosa relacionou tamén este éxito coa capacidade que teñen as diferentes escolas e facultades e o seu profesorado en cousas que están directamente vinculadas co avance da sociedade europea no seu conxunto, entre elas a dixitalización, e todo aquilo que ten que ver co transporte, a loxística e a mobilidade. “Non hai máis que celebrar esta consecución e que sexamos quen de axudar a formar unha sociedade máis competitiva e tamén máis próspera”, recalcou o reitor.

Vigo, unha das universidades mellor valoradas

Pola súa banda, o vicerreitor de Titulacións e Innovación Docente, Alfonso Lago, agradeceu a implicación que tiveron nesta convocatoria todos os centros, particularmente, a Escola Superior de Enxeñaría Informática no campus de Ourense, e a Facultade de Comercio e a Escola de Enxeñería Industrial, no de Vigo; así como todo o esforzo que se fixo desde a Escola Aberta de Formación Permanente, especialmente pola súa directora, a profesora Mª José Moure. “Fomos capaces de competir nunha convocatoria de concorrencia aberta do Ministerio de Transportes a un programa no que se podían presentar todas as universidades, tanto públicas como privadas”, explicou o vicerreitor, moi satisfeito de que a UVigo fose unha das 16 universidades seleccionadas e, máis concretamente, “a cuarta mellor valorada”.

Pola súa banda o vicerreitor do campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo, subliñou a idea de que estes cursos “non só suporán unha oportunidade para poder aprender dun elenco de expertos profesionais en materia de dixitalización, senón tamén, para establecer conexión e colaboración entre entidades públicas, entidades privadas e profesionais do sector”, apuntou o vicerreitor, quen se amosou convencido de que ao abranguer unha formación híbrida, “poida chegar aos profesionais actuais e futuros da provincia interesados na dixitalización do sector do transporte e da loxística”. A isto engadiu o “orgullo” que supón que a impartición desta formación poida estenderse a toda España a través de diferentes edicións e o agradecemento á súa predecesora no cargo, Elena Rivo, “pola súa colaboración na definición da proposta e sobre todo por acadar que un gran número de empresas e institucións impulsaran as solicitudes presentadas”.

Dous cursos en Vigo e catro en Ourense

Con inscrición xa aberta, impartiranse un total de seis cursos, todos eles de balde e abertos a toda a cidadanía europea ou residentes no territorio español, sen necesidade da ABAU ou de formación universitaria previa. Xa está aberto o prazo de inscrición, e a matrícula e o inicio das clases prevense para o vindeiro mes de outubro, tal e como indicou o vicerreitor de Titulacións.

Os cursos, de 15 créditos ECTS de duración, impartiranse entre os campus de Vigo e Ourense. A cidade olívica acollerá dúas das titulacións: Tecnoloxías de dixitalización aplicadas á loxística industrial, na sede campus da Escola de Enxeñería Industrial, e Innovación no modelo de negocio da nova mobilidade, na Facultade de Comercio.

No caso do campus de Ourense o centro neurálxico destas formacións será a Escola Superior de Enxeñaría Informática, onde se levarán a cabo catro acción formativas, dándolle ao alumnado a posibilidade de escoller entre a modalidade presencial ou ben atender ás clases de forma virtual. Ofértanse en total catro cursos: Transformación áxil das organizacións; Infraestruturas de datos aplicados ao sector do transporte, Dixitalización do sector transporte e loxística e Comunicación dixital para a mobilidade.

Salir de la versión móvil