A Universidade de Vigo e Copasa, Sociedad Anónima de Obras y Servicios, están a desenvolver o Proxecto Railway Inspection and Information Model (RIIM). Nel, traballarán durante tres anos na mellora das operacións de inspección e mantemento da superestrutura de vías férreas empregando sistemas ópticos de última xeración e algoritmos para o tratamento automático de información xeoespacial.
O Proxecto RIIM desenvólvese desde outubro de 2021 ata setembro de 2024, contando con financiamento das Liñas Estratéxicas do Ministerio de Ciencia e Innovación. Por parte da Universidade de Vigo participa o Grupo de Enxeñaría Física, con sede na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. O investigador principal da iniciativa é o profesor Higinio González e nel participan tamén os profesores e investigadores da UVigo Humberto Michinel, José Ramón Salgueiro, Ángel Paredes, Daniele Tomassini, Iván Area, Ricardo Bendaña e Luis Miguel González. “Esta é a primeira vez que levamos a cabo un proxecto con Copasa e estamos moi satisfeitos de poder abrir esta liña de colaboración. Valoramos moi positivamente este tipo de iniciativas nas que se pode transferir ao tecido produtivo investigación que se realiza no campus de Ourense”, comenta Higinio González.
A colaboración entre as dúas entidades, indican desde o proxecto, busca “mellorar a eficiencia da inspección e mantemento de liñas de ferrocarril”. Copasa, sinalan, é unha empresa recoñecida a nivel internacional pola súa capacidade para construír grandes proxectos de infraestruturas. “Trátase dun referente internacional en obra ferroviaria, tendo participado en grandes proxectos como o AVE do deserto entre La Meca e Medina. Copasa é construtora deste tipo de liñas pero tamén é mantedora delas”. Neste contexto, o obxectivo xeral do Proxecto RIIM consiste en “contribuír á mellora das operacións de inspección e mantemento da superestrutura de vías férreas, concretamente as relacionadas coa detección de fisuras nas travesas, a detección do estado das suxeicións do carril e do estado do balastro”. A finalidade é obter un prototipo de sistema de inspección que contribúa a mellorar o mantemento preditivo dunha vía férrea mediante algoritmos avanzados para o tratamento de información procedente de sensores ópticos.
Sistema e algoritmos
Ao longo do desenvolvemento do proxecto, apuntan os seus responsables, “definiranse os requisitos dun sistema de inspección óptica abordo de dresinas ferroviarias para a inspección dos elementos da vía, como as travesas, os pernos de fixación do carril e o balastro”. Tamén se realizará o deseño dun sistema de inspección óptico, mecánico, eléctrico e lóxico que poida ser montado nun sistema tipo dresina para inspeccionar os elementos da vía, como os xa citados de travesas, pernos de fixación do carril e balastro. Igualmente, o Proxecto RIIM tamén contempla implementar e verificar un sistema de baixa velocidade na vía de probas e instalalo na nave industrial da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo, situada no edificio do Campus Auga de Ourense.
A iniciativa tamén abrangue o deseño, desenvolvemento e validación de varios conxuntos de algoritmos. Un grupo deles estará destinado a detectar as fisuras das travesas, clasificalas, determinar a súa localización xeoespacial e parametrizar a súa evolución e necesidades de mantemento. Un segundo grupo de algoritmos terá como función detectar a existencia ou non dos pernos de suxeición do carril ás travesas, localizados xeoespacialmente, parametrizando a evolución do seu comportamento e as necesidades de mantemento derivadas dos mesmos. Por último, un terceiro grupo de algoritmos terá como obxectivo “detectar o estado do balastro na superestrutura dunha vía e comparar automaticamente o seu estado respecto a unha situación anterior, sempre compatible con software xeoespacial, predicindo ademais o seu comportamento futuro e as necesidades de mantemento”. Finalmente, o proxecto probará o sistema de inspección desenvolvido, así como os algoritmos asociados, a unha velocidade de ata 25 km/h no parque de maquinaria ferroviaria de Copasa en León.
O proxecto arrancou o pasado mes de outubro e está na súa fase inicial, tendo xa levado a cabo a revisión do estado da arte e estando actualmente definindo os requisitos do sistema de inspección. Do mesmo xeito, xa está iniciada a fase de deseño mecánico do sistema de inspección que se utilizará en vías de alta velocidade.