A UVigo, entre as mellores do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos segundo o ránking Shanghai

Publicidad

Este mércores fíxose público o Global Ranking of Academic Subjects (GRAS) 2021, unha clasificación das mellores universidades do mundo en 54 materias de investigación elaborado por Shanghai Ranking Consultancy, responsable do ránking ARWU, máis coñecido como ránking de Shanghai. Nel, a Universidade de Vigo sitúase entre as institucións académicas de referencia en 14 categorías, destacando a posición que ocupa en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, onde está un ano máis incluída entre as 75 mellores universidades do mundo. Concretamente, estaría na posición 51 empatada a puntos con outras 24 institucións académicas. Como novidade, a UVigo inclúese por primeira vez como unha das 500 universidades referentes nos eidos da Educación e da Farmacia e Ciencias Farmacéuticas.

O Global Ranking of Academic Subjects, constitúe, segundo os seus responsables “o ránking máis completo e obxectivo" das universidades do mundo por ámbitos de investigación, baseando as súas clasificacións nunha variedade de indicadores e datos para medir o desempeño das universidades en eidos relevantes, incluídos premios internacionais, logros científicos, calidade da investigación e colaboración internacional. No GRAS 2021 feito público hoxe, se en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos a UVigo está entre as 75 referentes do mundo (no bloque de 51-75); en Oceanografía sitúase entre as 150 mellores (101-150); en Xestión Turística, Enxeñaría de Telecomunicación e Enxeñaría Civil entre as 300 mellores (201-300); en Ecoloxía, Ciencias Atmosféricas, Enxeñaría Eléctrica e Electrónica, entre as 400 referentes (301-400); e en Ciencias da Terra, Enxeñaría Química, Biotecnoloxía, Ciencias Agrícolas, Educación e Farmacia e Ciencias Farmacéuticas entre as 500 mellores (401-500).

Sobre a presenza da UVigo neste ránking, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, destaca que é “relevante e moi positiva en comparación con anos precedentes” e tendo en conta como “aínda somos unha universidade nova e cun financiamento modesto”. Os datos recollidos nel, subliña, “reflexan a boa saúde da institución na investigación máis punteira en cada un dos seus campus, e non se detecta ningún efecto negativo pola pandemia e/o polo confinamento”. Hai que considerar, engade a vicerreitora, “que nesta competición entran máis de 1800 universidades e todas intentamos mellorar, e aínda que competimos cos mesmos indicadores o investimento en I+D en España segue a ser dos máis baixos da Unión Europea (arredor do 1,4%). Moitos países como Suecia ou Finlandia duplican eses valores e sen dúbida un maior investimento en investigación redunda nun maior éxito das institucións, incrementa o tecido produtivo do país e o benestar da sociedade”.

 

Salir de la versión móvil