Na provincia de Ourense e no conxunto de Galicia, o sector agrario é un dos máis relevantes polo seu peso socioeconómico histórico. Tamén é un dos sectores que nos últimos anos ten vivido unha maior transformación debido ao impacto da tecnoloxía e ás demandas da poboación. Co obxectivo de visibilizar esta relevancia, o Grao de Enxeñaría Agraria, da Facultade de Ciencias do campus de Ourense, convoca por segundo consecutivo un certame de fotografía, aberto a alumnado tanto universitario como preuniversitario.
O concurso forma parte da celebración do patrón desta titulación, San Isidro, e está aberto á presentación de fotografías de temáticas referidas a calquera aspecto do traballo dunha ou dun enxeñeiro agrónomo. Concretamente convócanse tres premios á mellor fotografía: un destinado a alumnado universitario, outro a alumnado de centros de Formación Profesional e outro a alumnado de centros de Bacharelato. En cada unha das categorías concederase un ordenador portátil á autora ou autor da obra seleccionada. Para participar, as fotografías enviaranse ata o 12 de xuño, xunto cunha descrición das mesmas, o nome do autor ou autora e o centro de pertenza, ao enderezo electrónico fcou@uvigo.es.
Desde a produción agrícola á investigación
O Grao de Enxeñaría Agraria, lembran desde a Facultade de Ciencias, habilita para o exercicio da profesión regulada de enxeñeiro técnico agrícola, ofrecendo os coñecementos científicos e tecnolóxicos vinculados á produción agrícola-alimentaria e paisaxística. Os sectores de traballo destes profesionais abarcan diferentes campos tanto na industria agroalimentaria como na xeral, sendo algunhas das súas saídas as novas tecnoloxías agrarias, a agricultura de precisión, a tecnoloxía e procesado de produtos, o control de calidade e seguridade agroalimentaria, a xardinaría, a planificación do territorio e paisaxismo, a enxeñaría rural e proxectos de industrias agrarias e alimentarias, a xestión de empresas e comercialización de produtos, peritacións industriais e investigación, etc.
Con este certame de fotografía, sinalan desde a súa organización, o Grao de Enxeñaría Agraria quere que o alumnado, tanto universitario como preuniversitario, se achegue e coñeza as “enormes oportunidades de futuro” que existen neste sector e nesta profesión, apuntando as altas taxas de empregabilidade das e dos egresados nesta titulación que se oferta no campus de Ourense.