A UVigo estrea a súa canle de TikTok cunha "nini" viguesa como protagonista

Publicidad

Cun estilo completamente diferente ao do resto das redes sociais da institución, a Universidade de Vigo estreou, co comezo deste 2024, a súa canle en TikTok. Trátase dunha nova vía de comunicación especialmente deseñada para o público obxectivo da entidade, o da xeración Z, os que se atopan entre os 18 e os 24 anos.

A conta, baixo o nome de UVigoShow, lonxe de manter unha liña informativa, busca empregar o humor e a orixinalidade para contar as aventuras de Jéssica, unha moza ‘nini’, que nin estuda nin traballa. Tras recibir a visita en soños de Oli, a mascota da UVigo, toma a decisión de investigar en profundidade a Universidade durante un ano para así descubrir cal é a carreira que máis encaixa con ela e deste xeito superar a súa "crise educativa-profesional".

@uvigoshow 🎭🚀 Convidámoste a acompañar a Jéssica na súa triste historia! 🥲 ALERTA SPOILER "É de Vigo" 🦖🌟😂 Todo listo para comezar esta apaixonante aventura? Déixanos un comentario sobre o máis disparatado que esperas no próximo capítulo! 💃🤣 … continuará 😜 #HumorUniversitario #UVigoShow #Feliz2024 #Bellakeo #Universidade #UVigo #Oli ♬ sonido original - Universidade de Vigo

Os vídeos que cada semana se irán colando en UVigoShow están protagonizados pola creadora de contido @blondiemuser, que interpreta a Jéssica, e que acumula na súa propia canle de TikTok 1.8M de seguidores. En cada un deles irá debullando historias e curiosidades da Universidade de Vigo apoiándose sempre na comedia, o humor e o entretemento, ofrecendo contido orixinal e eficaz, e combinando a creatividade das tendencias actuais xunto cos obxectivos estratéxicos da Universidade de Vigo.

Deste xeito, con esta nova aposta en redes, a UVigo busca aumentar a súa visibilidade nesta plataforma, xerar interacción con estudantes actuais e potenciais, posicionarse como unha institución dinámica e divertida en consonancia cas canles de entretemento actuais, atraer a atención de novos estudantes mediante a creación dun ambiente acolledor e divertido e, ao tempo, afastarse do concepto de "seriedade" e "aburrimento" e diferenciarse do resto de organizacións académicas a través da creatividade.  A canle lanzouse o 1 de xaneiro e o primeiro vídeo xa foi reproducido máis de 1000 veces.

Salir de la versión móvil