Contribuír, desde a educación musical, á inclusión nas aulas do alumnado con diversidade funcional é o obxectivo central do curso que ao longo dos próximos dous meses iniciará nas linguaxe musical a sete usuarias e usuarios de Down Xuntos Pontevedra. Promovido pola Vicerreitoría do campus e a asociación, esta actividade desenvólvese na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, co obxectivo de sumar tamén a participación do alumnado deste centro e que poidan deste xeito “pór en práctica, de primeira man, dinámicas de traballo, estratexias e recursos que favorezan a inclusión real de nenos e nenas con síndrome de Down nas aulas ordinarias”, como destacan desde Down Xuntos.
Impartido pola profesora de música Marlente Armentero, o curso "Miredó. A educación musical para a ensinanza inclusiva" ten como punto de partida un caderno de traballo que esta licenciada en Educación, na especialidade en Educación Musical, pola Universidad de La Habana deseñou coa idea de combinar a aprendizaxe musical “con outras linguaxes, como as matemáticas, a pintura ou a lectoescritura”.
Unha experiencia para os futuros docentes
No arranque deste curso, que tivo lugar na tarde deste xoves, os sete mozos e mozas, de entre 7 e 20 anos, que participan na cuarta edición deste curso e as súas familias recibiron as palabras de benvida da vicerreitora do campus, Eva María Lantarón, e do presidente de Down Pontevedra Xuntos, Manuel Pérez Cabo. “A música é unha das actividades máis inclusivas e máis motivadoras do mundo”, lembroulles a vicerreitora, que animou ás seis rapazas e o rapaz que participan neste taller a “gozar” dunha actividade que vai ser tamén un “punto de unión”, alén de contribuír a que poidan desenvolver “moitas habilidades”.
Lantarón sinalou así mesmo que un dos propósitos desta iniciativa é contribuír a que as e os futuros docentes que se forman na facultade poidan tomar parte nas diferentes sesións dunha actividade que “vailles axudar o día de mañá a traballar nos colexios a persoas con diferentes capacidades, que é algo que debemos pór en valor”.
Nesta idea inciden tamén desde Down Xuntos, desde onde destacan a importancia que “tanto a Universidade como entidades como a nosa creemos sinerxías e esteamos coordinados neste senso para que os futuros profesionais da educación conten con ferramentas axeitadas que lles axuden a ofrecer unha resposta pedagóxica adaptada a cada estudante, respectando os ritmos de aprendizaxe de cada persoa, co fin de atender con eficacia a un alumnado heteroxéneo”.
Nese senso, ademais do estudantado que realiza prácticas nesta entidade, o curso que se desenvolverá nas tardes dos xoves ata o 29 de xuño busca ir sumando ás súas diferentes sesións a participación do alumnado da facultade. De feito, o arranque deste taller viuse precedido pola presentación ao alumnado da materia de Educación Musical dun proxecto que está a ser “todo un éxito”, como recoñeceu Pérez Cabo. De feito, boa das participantes nesta edición “repiten” presenza no curso, “e iso é por algún motivo”, recalcou o presidente de Down Pontevedra Xuntos, que agradeceu á Universidade que achegase “os medios e as instalacións necesarias para poder levalo a cabo”.
Ir un paso máis aló
“A educación musical desenvolve un papel moi importante na produción de emocións, xa que estimula partes do cerebro, activa procesos básicos da aprendizaxe, como a atención, a percepción e a memoria e inflúe na linguaxe, no movemento e no control motor”, sinala Armentero, profesora de música en educación primaria e directora da Coral Polifónica de Pontevedra. Partindo desa idea, o taller busca tanto traballar “o ritmo ou a montaxe de cancións, como a respiración, a vocalización ou a entonación”, á vez que se emprega a música “en combinación con outras linguaxes, como as matemáticas a pintura ou a lectoescritura”.
O curso estruturase en tres bloques de contidos, un primeiro centrado nos “elementos básicos da linguaxe musical”, un segundo enfocado ao “desenvolvemento motriz, mediante actividades de expresión e rítmica”, e un terceiro no que traballarán “o desenvolvemento auditivo a través de diferentes exercicios e actividades musicais para o desenvolvemento da capacidade auditiva”.
Ao mesmo tempo, o feito de que varias das participantes xa tomaran parte en edicións previas fai que Armentero busque nesta edición “que deamos un paso máis”, coa idea de que ademais de “facer música con instrumentos ou percusión corporal”, o alumnado poida tamén avanzar nos seus coñecementos de linguaxe musical e “sexan capaces de ler unha partitura”. Nese senso, a docente recoñecía no arranque do curso “que cada ano quedo máis sorprendida” cos avances deste grupo, “que superou totalmente as miñas expectativas”.