A UVigo modifica a normativa fronte a covid: a máscara, só obrigatoria no transporte compartido

AntonioGuillem/iStock

Publicidad

O curso 2022-2023 arranca na Universidade de Vigo sen apenas rastro das medidas de protección fronte á covid-19 que marcaron os dous cursos pasados. A primeira sesión do Consello de Goberno deste novo ano académico, celebrada este mércores nunha convocatoria extraordinaria, aprobou varias modificacións respecto das medidas preventivas que se viñan aplicando dende abril do curso pasado. Deste xeito, manterase o uso obrigatorio da máscara só nos medios de transporte compartidos, como o autobús ou os espazos pechados das embarcacións, así como nas dependencias de uso sanitario como as do Servizo de Vixilancia da Saúde. Tamén seguirá sendo imprescindible nos casos de persoas con resultado positivo confirmado ou con síntomas compatibles con enfermidade, que deberán empregar a FFP2. Pola contra, suprímese a súa obrigatoriedade para as persoas traballadoras en postos de atención ao público, que se recollía na Resolución reitoral do 21 de abril 2022, vixente ata agora. Tamén se suprime a recomendación de uso da máscara nos laboratorios e talleres, nas bibliotecas e salas de lectura e nos auditorios con elevada ocupación.

Cara unha práctica normalidade

O reitor, Manuel Reigosa, explicou que a resolución aprobada este mércores “é unha simplificación das normas que ata o de agora estaban vixentes e que nos van permitir facer o curso con normalidade”. Esta decisión tómase á vista da evolución positiva na situación epidemiolóxica e de que a docencia retornou practicamente á súa total normalidade, para o inicio do curso académico 2022/2023. Ademais, manteranse as medidas habituais de ventilación, cun criterio xeral de polo menos 10 minutos cada hora, así como as medidas hixiénicas de lavado de mans e de protección ao tusir ou esbirrar. Finalmente, tamén se acordou continuar co reparto de máscaras para o persoal que o solicite, a través das conserxarías dos centros.

Esta é unha normativa que, segundo reitor, permite que “a xente que queira seguir levando a máscara o faga amparado por algunha recomendación, mentres que as e os que non queiran empregala, dado que a situación de risco sanitario é francamente baixa, que tamén o poida facer”. Ao mesmo tempo, engadiu o reitor, “estaremos atentos por se nalgún momento hai unha oitava onda que faga ter que cambiar as medidas”, como se viu facendo durante todo o período de pandemia, lembraba Reigosa, ao longo do cal houbo varias modificacións e “todas elas se fixeron con acordo e foron moi positivas para o desenvolvemento de toda a actividade docente e investigadora”.

Salir de la versión móvil