A UVigo organiza un día de actividades para achegar a cultura galega ao alumnado estranxeiro

Publicidad

Natureza, música e gastronomía son as tres patas do Galician Culture Day, unha proposta das vicerreitorías de Extensión Universitaria e de Internacionalización para que o alumnado estranxeiro dos tres campus se achegue á cultura e ás tradicións galegas. Para isto, o vindeiro 18 de maio está programada unha xuntanza na que, aproveitando a celebración do Día das Letras Galegas, as e os estudantes de intercambio poderán coñecer de preto a contorna natural, a cultura e o folclore galegos.

A actividade arrancará ás 11:00 horas cun roteiro pola contorna natural do campus da man de persoal técnico da Oficina de Medio Ambiente. Ao longo do percorrido, as e os participantes poderán coñecer a vexetación e o bosque autóctono galego. Unha vez rematado o paseo comezará un obradoiro de música e danza galegas a cargo da aula de Música Tradicional de UVigo, no que poderán probar a tocar algúns instrumentos e dar algún pasos de muiñeiras ou xotas. Ao finalizar serviranse uns petiscos típicos para que tamén poidan degustar pratos da cociña galega.

O evento está aberto a todo o estudantado estranxeiro interesado, previa inscrición, que se pode realizar neste enlace ata o día 10. Para o alumnado dos campus de Ourense e Pontevedra a Universidade porá un autobús de balde.

Facer comunidade e achegarse ao país 

Esta iniciativa, que se organiza por primeira vez na Universidade de Vigo, nace da colaboración das vicerreitorías de Extensión Universitaria e Internacionalización e, como explica a responsable da segunda, Maribel del Pozo, é unha oportunidade para que “todo o alumnado estranxeiro tanto Erasmus, como o alumnado que estuda español no Centro de Linguas, poidan celebrar xuntos o día da nosa terra”.

E é que “por desgraza”, recoñece Del Pozo, “o alumnado estranxeiro ás veces está bastante illado e non participa moito da vida e da cultura do lugar onde se atopa facendo os seus estudos. Isto é algo queremos cambiar e esta iniciativa é parte da estratexia de integración na contorna, na cultura e na lingua galega”.

A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, coincide na análise e considera que “é probable que, de xeito individual, o alumnado estranxeiro viva experiencias que teñan que ver coa realidade da cultura e lingua galega, pero tamén é moi posible que non sexan demasiado conscientes que iso obedece a unha singularidade de Galicia, polo que deste xeito pasaría parcialmente desapercibido. Por iso organizamos este acto desde a institución, para concederlle unha especificidade que lles faga conscientes da importancia da cultura galega e da contorna no que están a desenvolver os seus estudos”.

As vicerreitoras coinciden en animar a todos e todas os estudantes internacionais a asistir, porque “poderán coñecer e, polo tanto, comprender a relevancia da lingua e cultura galega, a través da súa historia, paisaxe, música e, como non, a lingua”. A responsable de Internacional tamén incide en que unha xornada de confraternidade coma esta axuda “a coñecer a colegas que proceden de lugares con diferentes linguas e tradicións culturais e para desfrutar dunha xornada con natureza, música e petiscos da nosa terra. Ímolo pasar moi ben!”.

Salir de la versión móvil