A UVigo participa no encontro anual dos institutos de investigación sanitaria de Galicia no Cunqueiro

Publicidad

A identificación de biomarcadores para diagnóstico e seguimento de enfermidades, o uso cada vez máis frecuente da IA e a implementación de novas terapias derivadas da investigación en saúde son algúns dos temas dos que se está a falar en Biointegrasaúde 2024, encontro anual no que os tres institutos de investigación biomédicos galegos (Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela-IDIS, Instituto de Investigación Biomédica da Coruña-INIBIC e o Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, IISGS) fan unha posta en común da súa actividade científica.

A xuntanza estase a levar a cabo no salón de actos do Hospital Álvaro Cunqueiro e a inauguración correu a cargo do xerente da Área Sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente, quen estivo acompañado do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e das tres directoras científicas dos institutos de investigación biomédica de Galicia: Mª Luz Couce (IDIS), Mª del Mar Castellanos (INIBIC) e Eva Poveda (IISGS), que deu a benvida oficial ao evento como responsable da súa organización.

Tras este acto inaugural, tivo lugar un dos pratos fortes de BiointegraSaúde 2024, a cargo dos coordinadores de Programas e Proxectos Científicos da European AIDS Treatment Group (EATG): Fiona Greenhalgh e Rocco Pignata. Trátase dunha ONG con amplía experiencia en patient engagement (participación de pacientes) na investigación, traballando ademais na mellora da calidade de vida, da saúde e benestar das persoas e garantir que a investigación siga xerando novos diagnósticos, medicamentos, terapias e a atención ás e aos pacientes. No marco desta xornada compartiron a súa experiencia incidindo na importancia da ciencia aberta, da participación da sociedade, da perspectiva de desenvolver unha investigación inclusiva e da transferencia de coñecemento á cidadanía; todos eles eixos centrais da actual investigación biomédica.

Desde a Universidade de Vigo participou no encontro a investigadora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia do centro de investigación atlanTTic, Laura Docío, quen interveu nunha mesa de debate sobre biomarcadores.

Salir de la versión móvil