Coa implicación de máis de 50 institucións de seis países e un orzamento de 12 millóns de euros achegados pola Misión Suelo de Horizonte Europa, este verán botou a andar o proxecto LivingSoiLL (Healthy Soil to Permanent Crops Living Labs), do que a Universidade de Vigo é socia. Coordinado pola Universidade de Tràs-os-Montes e Alto Douro, o obxectivo desta iniciativa é avanzar cara un novo paradigma de xestión do solo, que o protexa da degradación vinculada á intensificación das prácticas agrícolas. Xunto coa UVigo están implicados organismos de Portugal, España, Francia, Italia, Polonia e Bélxica. Por parte de España forman parte do consorcio tamén a Universidad de Jaén, o Instituto Andaluz de Investigación e Formación Ifapa, as empresas Grupo Consule, Adegas Moure, Bodegas Terras Gauda e Nutesca, a asociación INFAOliva, as cooperativas JaenCoop e Agro-Alimentaria de Andalucía, e as fundacións Caja Rural de Jaén e Centro de Innovación Citoliva. Como asociados están a Deputación de Jaén e a Junta de Andalucía.
LivingSoiLL arrancou en xuño e ten por diante 54 meses de traballo, ata decembro de 2028. O equipo da UVigo está liderado polo catedrático José Jorge Domínguez Martín, do grupo de Ecoloxía Animal, GEA, pertencente ao Centro de Investigación Mariña, CIM-UVigo. A institución viguesa participa cun orzamento de máis de 500.000 € e, como explica Domínguez, o traballo terá un enfoque colaborativo baseado na co-creación, co-implementación e co-ensaio de solucións para mellorar a saúde do solo de cultivos leñosos. No proxecto están implicadas universidades, produtores locais, asociacións de produtores e organismos públicos, reunindo máis de 2000 axentes locais.
Como detalla o catedrático da UVigo, LivingSoiLL “xurde da necesidade de salvagardar uns solos sans para as xeracións futuras e combater a degradación do chan” e lembra que, precisamente, o solo san está no núcleo do Pacto Verde Europeo e é un dos obxectivos principais da Misión Suelo. Neste contexto, o investigador considera “esencial” xerar un novo paradigma na xestión do solo “centrado no seu seguimento, restauración e protección” e sostén que a participación da UVigo en LivingSoiLL é “unha oportunidade única”, xa que se trata dunha proposta que “ten o potencial de xerar un impacto significativo neste eido e que contribuirá a unha produción de alimentos máis sostible, á regulación da auga e do clima e á conservación da biodiversidade”.
Cinco living labs ou laboratorios vivos
O proxecto comprende a creación de cinco living labs ou laboratorios vivos en Portugal, Francia, España, Italia e Polonia centrados en cultivos permanentes (vides, oliveiras, castiñeiros, abeleiras e maceiras). Estes Living Labs incluirán traballos en 50 emprazamentos experimentais e dez fincas faro (lighthouses). Estas plataformas de colaboración multidisciplinar centraranse en co-deseñar, co-desenvolver e aplicar estratexias para restaurar e conservar a saúde do solo de cultivos leñosos.
A UVigo participa no living lab luso-galego, que celebrou a pasada semana súa xuntanza inicial na UTAD e está centrado en viñedos e oliveirais, os dous cultivos permanentes máis importantes no norte de Portugal e Galicia. Neste living lab están implicadas a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, a Universidade de Porto e, como subliña Domínguez, “prestixiosas adegas portuguesas como a Real Companhia Vella, Casa de Mateus, Sogevinus, Symington e Sogrape”. Os socios galegos son, ademais da UVigo, Adegas Moure, da DO Ribeira Sacra e Terras Gauda, da DO Rías Baixas, o que implica continuar cunha colaboración iniciada hai máis de dez anos e que “xira arredor da transformación dos bagazos frescos e destilados en vermicompost, e na súa aplicación aos viñedos como tratamento biofertilizante e bioestimulante”.
Por outra banda, a institución viguesa, detalla Domínguez, coordina ademais algunhas tarefas transversais a todo o consorcio centradas na creación dos deseños experimentais para medir a mellora da saúde do solo pola aplicación de prácticas innovadoras de manexo nos cinco livings labs e na co-creación e reforzo do coñecemento do solo en todo o consorcio. Xunto con Domínguez, dende a UVigo están implicados en LivingSoiLL os investigadores de posdoutoramento Inés Alonso Crespo e Hugo Martínez Cordeiro, os profesores Manuel Aira Vieira e María Gómez Brandón, os investigadores de predoutoramento Alejandro Figueroa Rodriguez e Ainhoa Doval Nacimiento e o director técnico do laboratorio Alberto Da Silva Sieiro, todos eles membros do Grupo de Ecoloxía Animal (GEA), grupo de referencia competitiva (GRC) da Xunta de Galicia.