A Universidade de Vigo é un dos socios do proxecto europeo Smartcoast, Sustainable MAnagement of visitor flows for Resilient Tourism in Coastal Areas, unha iniciativa que busca desenvolver solucións innovadoras para mellorar a xestión dos fluxos de visitantes en espazos costeiros de alto valor ambiental. No marco deste proxecto, a UVigo impulsará diferentes accións piloto nos concellos do Grove e Bueu orientadas a promover modelos de mobilidade máis sostibles e unha mellor xestión da presión turística sobre o territorio.
Coordinado polo organismo público francés Groupement d'Intérêt Public Littoral en Nouvelle-Aquitaine, SmartcEoast reúne 23 entidades de Irlanda, Portugal, Francia e España, das que 13 participan como entidades asociadas. O proxecto, de 30 meses de duración, conta cun orzamento próximo aos 3 millóns de euros financiados pola 3ª convocatoria do programa Interreg Atlantic Area, dos que preto de 150.000 euros lle corresponden á UVigo
“O obxectivo deste traballo é desenvolver e aplicar solucións innovadoras para mellorar a xestión dos fluxos de visitantes en espazos costeiros de alto valor ambiental”, explica a profesora Pilar Muñoz, investigadora principal deste proxecto na UVigo. A iniciativa pretende contribuír a atopar un equilibrio entre o desenvolvemento turístico sostible e a conservación do patrimonio natural mediante o uso de tecnoloxías dixitais, ferramentas de análise de datos e estratexias participativas nas que se impliquen tanto as administracións locais como a cidadanía.
A participación da Universidade de Vigo desenvólvese a través do Grupo de Investigación Organización do Coñecemento (OE7), adscrito ao centro de investigación Ecobas, no que o catedrático Pablo Cabanelas coordina as contribucións do equipo nos ámbitos da organización, a competitividade empresarial, o desenvolvemento rexional, a mobilidade, o turismo e os novos modelos de negocio. “A combinación da nosa experiencia investigadora e o apoio institucional permitiu que a UVigo asumise un papel relevante tanto no deseño metodolóxico do proxecto como na posta en marcha das actuacións piloto en Galicia”, explica Dueñas, ao que engade que grazas á súa estreita relación co tecido socioeconómico galego, o Grupo OE7 implicou desde o inicio actores locais clave, como os concellos do Grove e Bueu, incorporando ao proxecto a visión e as necesidades reais do territorio.
Desenvolvemento dunha metodoloxía común
Entre as responsabilidades asumidas pola UVigo figura o desenvolvemento da metodoloxía para a avaliación e seguimento dos fluxos de visitantes en zonas costeiras, así como o deseño de indicadores ambientais e sociais que permitan medir o impacto das actuacións realizadas. O equipo tamén coordina accións de formación e transferencia de coñecemento entre as entidades participantes e as administracións locais galegas, co obxectivo de facilitar a incorporación dos resultados ás políticas públicas e ás prácticas de xestión turística e ambiental.
Smartcoast busca definir unha estratexia común e reproducible para a xestión sustentable dos fluxos turísticos mediante a experimentación de accións piloto en diferentes rexións atlánticas. Estas actuacións céntranse en tres grandes ámbitos: a medición e análise dos fluxos de visitantes a partir de datos reais; o desenvolvemento de alternativas de acceso e mobilidade máis sostibles; e a sensibilización cidadá.
O proxecto incorpora ademais enfoques innovadores como o turismo rexenerativo e a metodoloxía ‘Leaders and Learners’, baseada no intercambio de experiencias e coñecementos entre os socios participantes para favorecer a transferencia dos resultados máis aló da duración da iniciativa.
Actividades no Grove e Bueu
En Galicia, as experiencias piloto desenvolveranse nos concellos do Grove e Bueu, que participan como entidades asociadas ao proxecto. A actuación estrutúrase en catro fases. Nun primeiro momento identificaranse e priorizaranse solucións alternativas de acceso e mobilidade cara ás áreas costeiras, prestando especial atención a novas ferramentas para monitorizar e xestionar os fluxos de visitantes.
Posteriormente analizaranse os patróns de comportamento das persoas visitantes para comprender mellor os seus desprazamentos e deseñar opcións de mobilidade máis eficientes e sostibles. Sobre esta base poñeranse en marcha recomendacións específicas e sistemas orientados á xestión do acceso e do estacionamento, especialmente no caso das autocaravanas e das furgonetas camper en contornas costeiras de especial valor ambiental.
A fase final centrarase na comunicación e sensibilización, mediante campañas dirixidas tanto ás persoas visitantes como á poboación local para fomentar comportamentos responsables, impulsar alternativas de mobilidade sostible e contribuír á preservación dos recursos naturais destes dous municipios costeiros.
