A UVigo, pioneira no mundo en apostar pola realidade virtual para reducir a ansiedade nas aulas

Publicidad

A UVigo será unha das primeiras universidades a nivel mundial en empregar a realidade virtual para reducir a ansiedade e o estrés no alumnado universitario. O obxectivo é mellorar o estudantado nas aulas, sobre todo ante os exames ou a presentación de traballos, a través da creación dos denominados "lugares de descanso" no que as alumnas e os alumnos poidan relaxarse nunha contorna virtual.

"O deseño parte de espazos con tres postos de actividade con realidade virtual equipados con sistemas de mobilidade, imaxe e audio que permitan que a experiencia sensorial sexa completamente inmersiva, o que lles facilitará abstraerse do mundo que os rodea", explica Íñigo Cuiñas, profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.

A iniciativa enmarcase no proxecto europeo VRxanny e está financiada polo programa Erasmus+ con 300.000 euros, liderado pola Universidade Politécnica de Lodz en Polonia e do que tamén forman parte a Universidade de  Lodz e a Tartu Ulikool, o centro de ensino superior máis antigo de Estonia.

As actividades, que se prolongarán ata 2023, arrancaron esta semana coa reunión de lanzamento e, a partir de agora, levarase a cabo o deseño da aplicación de realidade virtual, a adquisición do equipamento para os tres postos que se crearán en cada universidade participante, as probas reais con estudantes e as diferentes actividades de difusión da iniciativa.

A UVigo participa en todos os módulos do proxecto

A UVigo participa en todos os módulos do proxecto. Colaborará coa Politécnica de Lodz no desenvolvemento da aplicación de realidade virtual para reducir o estrés, coordina as tarefas de empatía cos estudantes, baseadas en Design Thinking, para o deseño dos espazos de descanso, e participará co resto do consorcio nas probas da aplicación en situacións reais e en todas as actividades que se organicen, principalmente dirixidas aos estudantes.

"Ademais, teremos unha boa responsabilidade na documentación e na difusión dos resultados, a nivel científico e pedagóxico, pero tamén a nivel social”, explica o investigador vigués, quen leva varios meses vivindo en Lodz realizando unha estadía co grupo da Politécnica participante en VRxanny. En canto aos participantes, o grupo de traballo da UVigo está formado por once persoas. "É un equipo multidisciplinar, aínda que con máis peso por parte da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do centro de investigación atlanTTic", salienta Cuiñas.

O foco está posto no alumnado que o pasa mal antes dos exames

O foco do proxecto está posto en axudar aos estudantes que o pasan mal ante os exames, as probas prácticas ou as presentacións de traballos, que lles xeran inquietude e estrés, aínda que non ata niveis patolóxicos, pois nese caso xa se falaría de persoas diagnosticadas e controladas con supervisión de especialistas por situacións graves de ansiedade ou estrés.

A previsión é deseñar para eses estudantes, “que non xestionan de todo ben os seus picos de traballo ou estrés”, toda unha serie de exercicios ou actividades a desenvolver nun mundo virtual que lles poidan axudar a relaxarse ante este tipo de situacións.

Salir de la versión móvil