A Universidade de Vigo, a través do seu Centro de Posgrao e Formación Permanente e desde a Facultade de Ciencias, porá en marcha o vindeiro curso académico 2025/2026 un título propio de Experto/a en Auga, Termalismo e Saúde. Nel ofrécese “unha formación integral sobre os beneficios terapéuticos e cosméticos da auga mineral-medicinal e termal”. A iniciativa realízase ao abeiro do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Xunta de Galicia. O primeiro período de inscrición xa está aberto para as persoas interesadas.
Desde a xeoloxía e microbioloxía á dermocosmética
Este curso de formación permanente, dirixido polas profesoras e investigadoras Mª Inmaculada Franco e María José Pérez, estrutúrase en módulos que abranguen dende os aspectos xeolóxicos e microbiolóxicos da auga ata a súa aplicación no tratamento de diversas patoloxías. Concretamente, un primeiro módulo enfócase no estudo deste recurso introducindo ao alumnado nos conceptos da hidroxeoloxía, a calidade e control microbiolóxico e químico da auga e a lexislación vixente, promovendo a innovación no uso das augas termais. Un segundo bloque céntrase na dermocosmética, no uso da auga termal e na formulación de produtos para o coidado da pel, e un terceiro aborda a identificación de patoloxías tratables con terapias termais, problemas reumáticos, dermatolóxicos, respiratorios e crónicos, así como técnicas de aplicación da auga.
O título establece unha serie de obxectivos de aprendizaxe para o alumnado, “co fin de formar persoas expertas no emprego dos recursos termais”. Estes obxectivos abranguen coñecer e comprender o papel da auga na dinámica terrestre, a súa protección e valoración como recurso; analizar a importancia da calidade microbiolóxica e química das augas e coñecer as normativas aplicables a este recurso. O alumnado tamén coñecerá os fundamentos da pel e os factores que poden afectar a saúde cutánea e as indicacións das augas para as distintas patoloxías en función das súas características físico-químicas e as diferentes técnicas de aplicación.
Da teoría á práctica
O programa inclúe formación presencial e virtual, prácticas de laboratorio, visitas e prácticas en empresas do sector, que permitirán estas últimas ao estudantado aplicar os seus coñecementos en contornas reais. “Esta formación prepara aos profesionais para traballar no ámbito da saúde e do benestar, potenciando o uso terapéutico e cosmético das augas termais”, sinalan desde a súa organización. O curso desenvolverase desde principios de setembro ata finais de xuño de 2026, constando de 20 créditos ECTS, con 136 horas de docencia presencial e virtual e 60 horas de prácticas en empresa. As clases presenciais e de laboratorio serán impartidas na Facultade de Ciencias do campus de Ourense e nas visitas a empresas do sector. A formación virtual será a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo.
Segundo explican desde a súa organización, o curso de Experto en Auga, Termalismo e Saúde presenta un importante interese académico e profesional, especialmente no contexto do Campus Auga de Ourense, “que se posiciona como referente en Galicia en investigación, educación e desenvolvemento arredor dos recursos hídricos e termais”. Dende o punto de vista académico, sinalan, o programa ofrece “formación especializada nun ámbito singular e de gran demanda, abordando tanto o aspecto científico e técnico do termalismo como a súa aplicación na saúde e o benestar”. Dende o punto de vista profesional, engaden por último, Ourense, "coñecida como a capital termal de Galicia, benefíciase dunha rica tradición no termalismo que atrae cada ano a miles de turistas e pacientes”.