Novamente, a Universidade de Vigo é a gañadora do Torneo LEDU STEM Cátedras Telefónica, unha competición de debate académico que este venres celebraba en Madrid a final da súa terceira edición, na que competiron 19 universidades de toda España. Os estudantes de enxeñaría Martín Blanco Prego e Pablo García Salgado, membros da asociación Retórica UVigo, integraban o equipo da Cátedra Telefónica "Espacio de Innovación", que se impuxo ao da Cátedra Telefónica "Inteligencia en la Red", da Universidad de Sevilla, nunha final na que debateron sobre se a dixitalización é ou non unha aliada da transición verde.
A Blanco e García correspondeulles concretamente defender a postura contraria a esta pregunta no evento que tivo lugar no campus de programación da Fundación Telefónica e no que se enfrontaron a Carlos Rangel García e Yasmine Lakouifat Darkaou. Baseándose en cuestións económicas e argumentais, os dous equipos puxeron o foco, desde diferentes perspectivas, na oportunidade que ten Europa de converterse nun referente desa dobre transición coa que construír unha nova economía resiliente, competitiva e sostible, segundo informou Telefónica.
Tras reivindicar que “os enxeñeiros tamén teñen que saber falar”, os estudantes da UVigo recibiron o seu trofeo de mans de Trinidad Jiménez, directora de Estratexia Global de Asuntos Públicos de Telefónica; Antonio Bengoa, director de Relacións Institucionais de Telefónica España; Natalia Moreno, directora de Relacións Institucionais Global de Telefónica, e Alfonso Rodríguez de Saida, CEO da LEDU. Xunto a un trofeo, producido con cartón sostible por Smurfit Kappa, Blanco e García recibiron tamén un premio económico de 6000 euros, así como o pase á fase final da Liga Española de Debate Universitario, que na última fin de semana de setembro enfrontará en Córdoba os 16 mellores equipos de España.
Dúas vitorias
O Torneo LEDU-STEM logrou en 2023 un récord de participación, con 19 equipos. Nesta terceira edición, a UVigo logrou alzarse cun trofeo que xa acadara en 2022 a Cátedra Telefónica da Universidade, dirixida polo catedrático José Cidrás, desta volta da man dos alumnos Santiago Janeiro e Guillermo Fernández, quen acadou ademais a distinción ao mellor orador, que xa obtivera na primeira edición. Nela, a UVigo lograra tamén clasificarse para a final, cun equipo que completaba Raquel Fernández.
O debate final viuse precedido neste evento por un diálogo co expresidente de Ciudadanos, Albert Rivera, que foi campión da Liga Española de Debate Universitario en 2001, e o acto contou coa participación de varios dos participantes na primeira liga de debate de mozos con discapacidade intelectual. Así mesmo, nel outorgouse tamén o trofeo á mellor oradora do torneo á estudante da Universidad Politécnica de Madrid Pilar Rodríguez.
A LEDU STEM está dirixida ao estudantado das universidades que integran a Rede de Cátedras Telefónica de España, da que forman parte 25 institucións académicas e que ten como obxectivo a análise e identificación da situación e do impacto das tecnoloxías da información e comunicación na sociedade.