A UVigo recibirá seis millóns de euros da Xunta para a contratación de 29 tecnólogos

Publicidad

A Universidade de Vigo recibirá da Xunta de Galicia unha achega de preto de seis millóns de euros para reforzar o cadro de persoal dedicado á xestión da transferencia e a innovación. O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, asinou este martes un acordo de colaboración co conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, que lle permitirá contratar 29 tecnólogos e tecnólogas.

En total, o Goberno autonómico achegará ás tres universidades públicas galegas 19 millóns de euros no marco do Plan Reforza da Investigación Universitaria, para contratar un cento destas figuras especializadas en materia de I+D+i co obxectivo de dar soporte á actividade científica que veñen desenvolvendo e facilitar a transferencia de coñecemento ao conxunto do tecido empresarial.

Xunto co reitor da UVigo, asinaron cadanseu convenio os reitores da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, e da Universidade da Coruña, Julio Abalde, para reforzar o persoal dedicado á xestión da transferencia e a innovación, así como para a consolidación de estruturas de investigación. Á institución compostelá corresponderalle unha achega de case 7,6 millóns de euros para a contratación de arredor de 47 tecnólogos, mentres que a da Coruña recibirá preto 5,3 millóns para aproximadamente 34 tecnólogos.

O titular do departamento educativo do Goberno galego salientou o novidoso desta acción, “que inclúe por primeira vez financiamento  específico para a introdución desta nova figura de experto tecnólogo”. Para Román Rodríguez, dará pulo “ao papel das universidades galegas neste eido, que representan o maior ecosistema de investigación e transferencia de coñecemento”, destacou. “A Consellería de Educación apoia activamente este sistema desde hai anos, ofrecendo certezas e estabilidade ao persoal investigador”, explicou o conselleiro.

Xestores de I+D+i especializados

O Plan Reforza da Investigación Universitaria 2023-2026 establece como obxectivos básicos o desenvolvemento e consolidación dos servizos de apoio á investigación dentro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) ao tempo que axuda ás universidades a optimizar e incrementar as súas capacidades en investigación, captación de recursos (de talento e de fondos), transferencia de coñecemento e internacionalización.

Os tecnólogos e tecnólogas contratadas serán profesionais xestores de I+D+i especializados en cuestións como a xestión de proxectos internacionais, a negociación cos sectores produtivos, a posta en valor de resultados de investigación, a protección da propiedade intelectual, o aproveitamento das infraestruturas científico-técnicas ou a xestión de recursos humanos e de comunicación, entre outros.

Estes profesionais actuarán de nexo nas relacións entre os organismos de financiamento da investigación e a comunidade científica, tendo en conta cuestións como as diferencias culturais e xurídicas entre países e entre o mundo académico e a industria. Deste xeito, xogarán un papel clave na xestión do bo funcionamento dos proxectos de investigación liderados polos científicos que traballan nas tres universidades públicas galegas.

Salir de la versión móvil