A UVigo reduce o seu orzamento para 2021 en máis do 5%, ata os 184,6 millóns de euros

Publicidad

Tras catro anos de incremento, os orzamentos da Universidade de Vigo para o exercicio 2021 van sufrir un descenso do 5,3%. Así se recolle nas Liñas básicas de actuación orzamentaria que o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, presentou este mércores na derradeira sesión do Claustro Universitario de 2020. Deste xeito, e á falta da aprobación por parte do Consello de Goberno e do Consello Social, a UVigo contará en 2021 cun orzamento de 184.640.912 euros “á espera das novas partidas procedentes de fondos autonómicos, estatais e europeos para infraestruturas e programas de I+D+i”. Con estes novos ingresos, remarcou Martín Moreno, “agárdase que as contas da UVigo poida superar incluso as de 2020, que rozaron os 195 millóns de euros, cifra récord da UVigo. A demora na aprobación das contas estatais e autonómicas, así como a previsión da chegada de fondos europeos extraordinarios para o próximo exercicio inflúen en que aínda non sexa posible traballar con cifras pechadas”.

Con todo, o vicerreitor de Economía remarcou que, a pesar do descenso no montante total, a Universidade contará en 2021 co orzamento estrutural máis alto da súa historia. “Os ingresos estruturais, é dicir, os non afectados, ascenderán a 150.806.172 euros, 3 millóns de euros máis que nas contas de 2020. Este incremento confirma a senda de estabilidade orzamentaria da institución académica e a súa capacidade de funcionamento pleno no actual contexto, e permitirá seguir avanzando nos eixos estratéxicos do programa de goberno, especialmente centrados nas persoas”.

Por outra banda, nesta derradeira sesión do Claustro, o reitor presentou o seu informe anual, no que repasou, entre outros temas, as cifras acadadas en captación de fondos de I+D+i, os datos de produción científica e as últimas negociacións que están tendo lugar no Consello Galego de Universidades. Ademais, tamén se abordou a creación dun centro interuniversitario de matemáticas e o cambio de nome da EU de Estudos Empresariais, que pasará a chamarse Facultade de Comercio. Finalmente, a Valedora Universitaria presentou os informes correspondentes aos anos 2018 e 2019, nos que se constata unha diminución dos expedientes abertos e tamén se aprobou a proposta do Plan Estratéxico 2021-2026, tras a presentación de emendas.

O principal capítulo de gasto, o persoal

Segundo explicou o vicerreitor de Economía, a redución do 5,3% do orzamento respecto ao 2020 xustifícase en que no 2021 “non se acadarán tantos fondos coma no exercicio precedente nas convocatorias de infraestruturas de investigación e infraestruturas de eficiencia enerxética” e por mor de non ter asinado aínda o convenio coa Xunta de Galicia para o exercicio 2021. Así, o orzamento de ingresos redúcese en 10,3 millóns respecto dos 194,9 millóns de euros do exercicio actual pero con todo, segue a ser o segundo máis alto da súa historia.

No que se refire á distribución dos ingresos por capítulos, destaca “o considerable descenso das transferencias de capital (-43,37 %) debido á redución de captación de fondos alleos” nas convocatorias de infraestruturas. Por outra banda, a variación de activos financeiros (+84,63 %) vén derivada do desfasamento entre ingresos e gastos do financiamento afectado froito das prórrogas das convocatorias de infraestruturas científicas e outros proxectos con financiación europea e o descenso dos ingresos patrimoniais (-8,63 %) é consecuencia dos baixos tipos de interese.

Atendendo á distribución dos gastos, Martín Moreno explicou que se manteñen “criterios de previsión racionais, marcados pola xestión eficiente dos recursos ordinarios, garantindo a capacidade de funcionamento para o noso nivel de gasto, e potenciando o gasto no capítulo de persoal asociado ás novas políticas e garantindo a suba salarial”. Así, o capítulo de persoal segue a ser a principal partida de gasto (63,28 % do total) e un importe de 116.833.700 €, por riba dos 112.996.556 € de 2020. “A xustificación deste cambio está en varias causas: o incremento salarial do 0,9 % reflectido nos orzamentos do Estado para o exercicio 2021, os sexenios de transferencia e as ofertas de emprego público 2021”. O capítulo de gasto corrente ten unha previsión de 30.712.733€, experimentando un descenso do -0,48 % o que mostra unha contención dos gastos correntes. Tamén se reduce o capítulo de transferencias correntes (-9,45 %), acabado os 6.407.864€, debido á diminución de axudas do ministerio para os proxectos de relacións internacionais (Erasmus, Marmooc, Leap..., axudas para dotacións bibliográficas e bolsas de mobilidade internacional). Descenden nun -32,41% os investimentos reais, cunha contía de 28.307.165€, un descenso que se explica “polo grande éxito na consecución de fondos finalistas do exercicio precedente destinados a infraestruturas de investigación e de eficiencia enerxética e porque a data da elaboración deste orzamento non se ten asinado aínda o convenio anual coa Xunta de Galicia”. Polo que se refire aos recursos propios, o esforzo da Universidade mantense nas cifras dos exercicios anteriores.

Liñas básicas de actuación

As liñas de actuación do Equipo de Goberno para 2021, explicou Martín Moreno, avanzan na construción “dunha Universidade de futuro adaptada á nova realidade social que atinxa ás máximas cotas de calidade formadora, investigadora e de transferencia”. Así, nas propostas presentadas ao Claustro constátase que a política de persoal continúa a ser un dos piares fundamentais, tanto no referente á recuperación e consolidación de dereitos, como na consolidación e promoción do PDI, tentando, ao mesmo tempo, comezar unha senda de rexuvenecemento do cadro de persoal. Entre os retos para 2021 está avanzar no cumprimento do obxectivo de aboar as pagas extras íntegras ao PDI no ano 2022 e seguir apostando pola promoción e estabilización do PDI, volvendo a utilizar as Ofertas de Emprego Público co máximo de prazas de funcionarios que permite a taxa de reposición (108%), e creando tamén o máximo de prazas de catedrática/o legalmente posible. Promoverase a promoción a figuras estables de todo o profesorado axudante doutor e seguirase coa aposta pola retención de talento de máximo nivel, estabilizando a todo o persoal que ocupa unha praza Ramón y Cajal e finaliza o seu contrato, así como plans de captación e retención baseados en criterios de mérito e capacidade.

No concernente á política dirixida ao PAS, as propostas pasan por revisar e reorganizar as relacións de postos de traballo (RPT), corrixindo os desequilibrios e disfuncións da estrutura actual que xera unha diminución nos niveis de eficacia, eficiencia e calidade na prestación de servizos. Este proceso estará necesariamente ligado ao avance das negociacións da proposta de funcionarización, recentemente presentada pola Xerencia aos órganos de representación do PAS. En canto á política de consolidación do emprego e redución das cotas de temporalidade, “a OEP 2021 vainos permitir baixar do 8% en ambos colectivos”.

No relativo ao alumnado, priorízase o mantemento das bolsas e o lanzamento de novas convocatorias extraordinarias, así como a captación de novo alumnado. Coa vista posta no futuro, as novas contas contemplan tamén como liña estratéxica o avance na dixitalización, con inversións no despregue da rede MIFI como resposta ante a fenda dixital, entre outras iniciativas. Do mesmo xeito, consolidaranse os plans en materia de eficiencia enerxética e sostibilidade como outro dos eixos prioritarios das contas.

Pese á pandemia, a UVigo acadou en 2020 cifras récord de captación de fondos de I+D+i

Ademais de facer un detallado repaso sobre as diferentes medidas adoptadas pola Universidade de Vigo en relación á xestión da covid, o reitor aproveitou o seu informe anual ao Claustro para facer un pormenorizado debuxo de cal é a realidade actual da Universidade de Vigo. En canto aos fondos captados de I+D+i destacou que o 2020 foi un ano “excelente” acadándose a cifra de 22,9 millóns de euros, “o que, sen dúbida, reflicte a boa saúde do noso sistema investigador”. Entre outros aspectos o reitor subliñou que se logrou un incremento dun 17% na captación de proxectos internacionais, superándose os cinco millóns de euros. Por outra parte, destacou que a nivel nacional os resultados tamén foron “excelentes” conseguíndose 33 proxectos de investigación por valor de 3,7 millóns de euros e, en diferentes convocatorias autonómicas captáronse máis de 8 millóns de euros: 4,8 millóns nas axudas aos centros de investigación de referencia da Xunta de Galicia; 2,9 nas axudas aos grupos de investigación; 345.000 euros para tres axudas á consolidación para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente e 283.000 en convenios de colaboración. No relativo aos contratos de I+D, aínda que o reitor admitiu que foi un ano “atípico” debido á desaceleración económica provocada pola pandemia, o efecto sobre os ingresos que se lograron por proxectos de transferencia, “non foi demasiado importante”.

No relativo á produción científica, Reigosa destacou que en 2019 se bateran todos os récords e que este ano a pandemia apenas vai provocar un lixeiro descenso, “de feito, contamos con que os datos sexan moi semellantes aos do ano anterior, se ben, si se nota que as mulleres sufriron moito máis os problemas derivados da conciliación e si poden ver reducida a súa produción, polo que haberá que tomar medidas que poidan axudar a resolver esta situación”. En relación tamén ao potencial investigador da UVigo, o reitor explicou que se lle pediu aos centros singulares de investigación e ás agrupacións estratéxicas ideas nas que se poidan presentar proxectos, de selo caso con outros socios, ante os fondos Next Generation EU e que todas as propostas presentadas foron xa entregadas ao Igape e comentadas coas consellerías correspondentes.

Con respecto ao mapa de titulacións, Reigosa deu conta da celebración a pasada semana dunha nova sesión do Consello Galego de Universidades, no que a Universidade de Vigo fixo constar o seu malestar coa proposta –que ten informe desfavorable da Xunta- de Grao en Intelixencia Artificial da Universidade de Santiago de Compostela e lembrou que houbo unha proposta previa da Universidade de Vigo que non foi enviada á Xunta por estar o mapa de titulacións pechado. “Fixemos constar que a nosa Escola Superior de Enxeñaría Informática xa fixera chegar no seu día unha proposta semellante na Universidade de Vigo que, por prudencia, o Consello de Goberno decidira paralizar ata que se abra o mapa”, salientou o reitor, ao tempo que fixo fincapé na importancia de que as tres universidades estean en pé de igualdade cando se abran as negociacións.

Nesta liña, o reitor tamén manifestou o seu desacordo co informe negativo que recibiu o Mestrado en Dereito de Empresa, “entendemos que se debe volver a impartir e loitaremos por acadalo con éxito” e salientou que no caso do Grao en Filoloxía Aplicada Galego Español, se ben houbo diferentes atrancos, segue adiante e agárdase que, en breve, poida substituír ao pouco exitoso título de Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios. Lembrou ademais que o Grao en Deseño aínda non conta con informe da Secretaría Xeral, pero que desde a Universidade se sigue “teimando” para que saia adiante en canto sexa posible. Seguen tamén os traballos para a futura posta en marcha do Grao dual en Enxeñaría da Automoción –en breve asinarase un convenio coas empresas e os centros tecnolóxicos do sector- e para o Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica, “neste caso estamos pendente do informe, pero somos moi optimistas”.

Os excelentes datos de matrícula acadados este curso, tanto en primeiro como en créditos totais, e a forte aposta da Universidade de Vigo pola implantación de enerxías renovables –de xeotermia en Ourense e de biomasa en Pontevedra- foron outros aspectos no que o reitor tamén quixo facer fincapé. “Agardamos poder chegar á pegada cero nalgúns edificios e a medio prazo a compoñente económica tamén vai ser importante, xa que haberá que contratar menos enerxía fóra, pero penso que o máis relevante é a imaxe que proxectamos de universidade sostible preocupada polo medio ambiente”, recalcou Reigosa.

Na súa intervención Reigosa tamén actualizou os datos sobre os casos Covid-19 acumulados por semana, salientando que dende o inicio do curso se detectaron un total de 172 positivos: 151 entre o alumnado, 16 entre o persoal docente e investigador e 5 entre o persoal de administración e servizos. “Son datos perfectamente asimilables que demostran que a comunidade universitaria está sendo moi coidadosa e, en xeral, actúa con moita responsabilidade”, salientou.

O alumnado, protagonista da maioría de expedientes presentados á Valedora Universitaria

A valedora universitaria, Esther Pillado, presentou na sesión do Claustro os informes correspondentes aos anos 2018 e 2019. En ambos casos produciuse un lixeiro descenso do número de expedientes tramitados con respecto aos anos anteriores (23 en 2019; 33 en 2018 e 36 en 2017). En termos comparativos, este número confirma unha tendencia á baixa no número de reclamacións iniciadas no ano 2014, “que nos afasta da cifra récord de 66 expedientes acadada no ano 2013”.

En 2018, a maioría dos expedientes e dos asuntos tratados están referidos ao alumnado (76 %), seguido a bastante distancia polo PDI (15 %) e polo PAS (9 %). Atendendo aos campus, mantense un comportamento parecido ao de anos anteriores, cun claro predominio de expedientes tratados no campus de Vigo (79 %), seguido a bastante distancia polos campus de Ourense (15 %) e de Pontevedra (6 %). Os principais motivos que levaron á apertura de expedientes no sector do alumnado están relacionados, en primeiro lugar, con reclamacións en relación coa revisión de cualificacións de materias de grao e tamén de posgrao e, en segundo lugar, pola desconformidade cos métodos de avaliación, coa modificación dos criterios de avaliación e realización de exames.

En 2019, a distribución por sectores segue a mesma tónica, cunha clara maioría de reclamacións presentadas polo alumnado (83 %), seguido a bastante distancia polo profesorado (13 %) e polo persoal de administración e servizos (4 %). Por campus, mantense un comportamento parecido ao de anos anteriores, aínda que este ano se acentúa máis a diferenza: campus de Vigo (87 %), campus de Ourense (9 %) e campus de Pontevedra (4 %). Na división por sexos, apréciase unha porcentaxe maior entre o colectivo feminino (57 %) en relación co masculino (39 %). Os principais motivos que levaron á apertura de expedientes no sector do alumnado están relacionados, en primeiro lugar, coa revisión de cualificacións de materias de grao e de posgrao e, en segundo lugar, por desconformidade cos métodos de avaliación, coa avaliación nas convocatorias de exame e coa cualificación das prácticas.

Creación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia

A creación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas tres universidades galegas, foi outro dos temas abordados na xuntanza. O obxectivo, como explicou a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, é “compartir visión e estratexia para aproveitar as capacidades e reputación actuais das matemáticas galegas, creando unha entidade de I+D sostible, con relevante impacto académico, social e económico”. Trátase de integrar as capacidades científicas e tecnolóxicas máis competitivas de las tres universidades nunha axenda científica común, aliñada cos retos globais definidos polo Programas Marco europeo (Horizon Europe), a Estrategia Española de Ciencia, Tecnología e Innovación e a RIS3 de Galicia. Ademais, esta nova alianza permitirá rendibilizar a experiencia organizativa e colaborativa de Itmati e o seu impacto e equilibrio interinstitucional actual. As catro áreas de investigación sobre as que se asentará a Agenda M4 (Maths for) son ciencia e coñecemento; sociedade dixital; vida e sostibilidade e competitividade industrial.

Avances na elaboración do Plan Estratéxico

Outro dos puntos da orde do día referiuse ao Plan Estratéxico 2021-2026. Tras presentar na anterior sesión do Claustro un informe sobre o proxecto, este mércores aprobouse un novo texto que incorpora as modificacións pertinentes. Como explicou o profesor Jacobo Porteiro, secretario do Comité de Dirección encargado da elaboración deste documento, unha ducia de persoas presentaron emendas e, tras reunirse con todas elas, “chegouse a un texto final que recolle todas as achegas e sensibilidades”. Esta folla de ruta artéllase arredor de cinco eixos estratéxicos (a formación; a relación coa sociedade; a organización e os recursos; a investigación e a transferencia e as persoas), tres valores (internacionalización, defensa da igualdade e fomento da lingua galega) e os obxectivos de desenvolvemento sostibilidade e Axenda 2030.

Paloma Morán, en presentación de Ideas que Suman, expresou a postura deste colectivo respecto deste futuro Plan Estratéxico explicando que “independentemente do recoñecemento ao esforzo das persoas implicadas na elaboración do borrador”, o plan “non conta coa participación activa da comunidade universitaria, non expón obxectivos cuxo alcance poida ser cuantificable, non describe os recursos necesarios para o seu cumprimento, non identifica responsabilidades e, en definitiva, é máis unha relación de boas intencións que un plan estratéxico. Este é un documento inútil para a institución.”

Proposta para unha Facultade de Comercio

O Claustro tamén deu o visto bo ao informe sobre o cambio de denominación da EU de Estudos Empresariais, que este curso 2020-2021 cumpre 100 anos. Segundo explicou a súa directora, Consuelo Currás, co obxectivo de adaptar o nome “á nova realidade da universidade española”, o centro defende a nova denominación de Facultade de Comercio, unha demanda que naceu xa en 2010 e conta co apoio da Xunta de Centro, con 21 votos a favor e ningún en contra. Actualmente neste centro impártense o Grao Comercio e os mestrados en Comercio Internacional e en Dirección de Pequena e Mediana Empresa.

Salir de la versión móvil