A Universidade de Vigo renova con 7 novos títulos a súa oferta de mestrados para o próximo curso, ascendendo a cifra total de propostas a 67 titulacións: 46 adscritas ao campus de Vigo, 16 ao de Ourense e 12 ao de Pontevedra. Así se explicou este mércores na Xornada virtual de orientación de mestrados, unha actividade dirixida a dar a coñecer a todas as persoas interesadas a oferta formativa da UVigo no ámbito dos mestrados, así como os detalles sobre os requisitos de admisión, preinscrición e matrícula.
En Vigo: realidade estendida, linguas e literatura dramática
No campus de Vigo as novas propostas chegan da man da Facultade de Filoloxía e Tradución e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. No primeiro caso, Filoloxía e Tradución, porase en marcha un Máster en literatura dramática, música e artes escénicas, de carácter presencial e con 25 prazas, e outro de Ensino de español como lingua estranxeira ou segunda lingua, interuniversitario, en liña e con oito prazas para cada unha das universidades galegas. No caso da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, a nova proposta é o Máster en realidade estendida, semipresencial e interuniversitario coa universidade da Coruña, con 90 créditos e 10 prazas para a UVigo.
En Ourense: economía circular e prevención de drogodependencias
En Ourense a oferta de mestrados amplíase para o vindeiro curso con dous novos títulos. Dunha banda, con 10 prazas, un Máster en economía circular, de carácter interuniversitario -UVigo, USC e UDC- e 90 créditos, que se impartirá na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo; e, da outra, o Master en Prevención e abordaxe multidisciplinar das drogodependencias e condutas aditivas, tamén con 90 créditos e de carácter interuniversitario -10 prazas para a UVigo-, semipresencial e adscrito á Facultade de Educación e Traballo Social.
En Pontevedra: máis deporte e creación artística
No campus de Pontevedra a renovación chega da man das facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e de Belas Artes. No primeiro caso, implantarase o Máster en ciencia do exercicio, preparación física e readaptación, interuniversitario, con 60 créditos presenciais e 12 prazas. En Belas Artes a nova proposta é un título específico sobre Creación artística contemporánea, de carácter presencial, 60 créditos e 25 prazas.
Outras novidades
Ao marxe destas novas titulacións, as novidades chegan tamén dos mestrados en Enxeñaría Informática e Enxeñaría de Telecomunicación, que incorporan mención dual. A maiores, prodúcese un incremento de prazas no Máster en Enxeñaría Aeronáutica, que pasa de 20 a 25, e no de Dirección e innovación da cadea de subministro, que pasa de 30 a 33.
Preinscricións a partir do 24 de xuño
O primeiro prazo de preinscrición para matricularse nalgún dos 67 mestrados será, nesta ocasión, do 24 de xuño ao 6 de xullo, agás para o Máster en profesorado, cuxo prazo de preinscrición vai do 1 ao 30 de xuño. Salvo Economía circular e Ensino de español como lingua estranxeira ou segunda lingua, as demais titulacións que se estrearán o vindeiro curso están pendentes de informe favorable da ACSUG, algo que se agarda se produza nas próximas semanas.