A UVigo sitúase entre as universidades máis transparentes do Estado

Publicidad

O Examen de transparencia 2023 elaborado pola Fundación Haz sitúa a Universidade de Vigo entre as máis transparentes do Estado e outórgalle o seu selo de transparencia T na categoría de tres estrelas, o máximo posible que concede esta institución. A universidade olívica cumpre totalmente 27 indicadores e parcialmente outro, obtendo así 55 puntos dun total de 56 posibles e acada un grao de cumprimento do 98%.

O Informe de transparencia voluntaria en la web de las universidades españolas foi presentado hoxe martes e avalía a transparencia e bo goberno de 49 universidades públicas e 26 privadas en España. Os datos xerais amosan unha melloría xeneralizada das institución públicas, 46 das 49 (o 93%) son consideradas transparentes e, por segundo ano consecutivo, ningunha é cualificada como opaca. Estes resultados contrastan cos das universidades privadas, xa que tan só 6 de 26 (23%) obteñen o selo de transparente, sete son opacas e o resto translúcidas. Como se indica no informe, seguindo a tendencia dos últimos anos, as universidades públicas “continúan progresando nos seus graos de transparencia na web e, o que resulta máis relevante, nas súas prácticas de bo goberno”. A melloría nos graos de transparencia ten sido unha constante dende a publicación da primeira xeración de informes (2011-2016), centrados en incentivar nas universidades a publicación nas súas webs de información relevante para os seus grupos de interese.

A consolidación do compromiso coa transparencia

Sobre os resultados obtidos pola Universidade de Vigo neste informe, a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, resalta que “confirman a tendencia dos anos precedentes: unha melloría xeneralizada da UVigo e a consolidación do noso compromiso e prácticas de transparencia”. A vicerreitora amosouse “convencida” de que con resultados coma estes, “a UVigo contribuirá a alimentar o diálogo construtivo arredor da transparencia e o goberno aberto que viñemos mantendo durante todos os últimos anos”. Ademais, engade, “o esforzo por ser cada vez máis transparentes resulta meritorio, pois ao longo dos anos, os indicadores lonxe de diminuír increméntanse e é necesario responder con axilidade e eficacia aos mesmos”. Por todo o esforzo realizado para facer accesible a información, a vicerreitora traslada as felicitación tanto ao Consello Social como a todas as unidades e a todas as persoas que traballan na UVigo “para que a nosa institución siga sendo recoñecida como unha das máis transparentes de España”.

Ademais, Doval tamén recalca que a entrada en vigor da Ley Orgánica del Sistema Universitario (LOSU) enfatiza “a necesidade de establecer unha nova cultura de integridade e bo goberno universitario, e a UVigo é plenamente consciente do impacto que está supoñendo a área da rendición de contas das universidades e as administración públicas”.

Selo T de transparente con tres estrelas

A información avaliada neste informe comprende 10 áreas de información (plan estratéxico, persoal, políticas e goberno, consello social, entidades dependentes, oferta e demanda académica, persoal docente e investigador, alumnado, información económica e resultados) que abranguen 28 indicadores para as universidades públicas e 25 indicadores para as universidades privadas. Os resultados obtidos pola Universidade de Vigo permítenlle obter o selo “T de transparente” na categoría de tres estrelas (***), que se outorga ás entidades que compren entre o 91 e o 100% dos indicadores, acadando a UVigo o 98% de cumprimento.

Segundo indica a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, “a obtención de selos coma este incrementa a nosa reputación e permite que poidamos ser socialmente máis responsables”, pero engade que estes resultados “tamén nos permiten ser bos modelos para outros, porque marcan a folla de ruta por onde outras institucións deberían comezar ou seguir avanzando”.

Xunto coa de Vigo, obtiveron o selo T con tres estrelas outras 20 universidades públicas: Autónoma de Madrid, Carlos III, Complutense, Alcalá de Henares, Alicante, Burgos, Cádiz, Cantabria, Castilla-La Mancha, Girona, Granada, Huelva, Jaén, León, Málaga, Murcia, Valladolid, Vigo, Politècnica de Catalunya, Pompeu Fabra e Rey Juan Carlos e dúas privadas (Católica San Antonio de Murcia e Internacional de Catalunya).

Salir de la versión móvil