A UVigo solicitará á Xunta en exclusiva o Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica tras a negativa da UDC

Publicidad

A Universidade de Vigo pedirá á Xunta de Galicia a implantación, en exclusiva, do Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica. Este xoves o Consello de Goberno da UVigo aprobou, por unanimidade, a petición nunha sesión extraordinarioa convocada co obxectivo de desbloquear a situación actual do título e poder implantalo o vindeiro curso académico 2022/2023 na Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense.

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, explicou que este mestrado "é un tema que leva enquistado xa máis de dous anos" e quixo recordar a situación na que se atopa actualmente. A Xunta de Galicia, ante a petición da Universidade de Vigo e da Coruña de por en marcha o título, decidiu aplicar o acordo existente entre as tres universidades galegas e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional de que se hai un interese por parte de varias institucións acaémicas nun mestrado este debe ser interuniversitario.

A partir de aquí comezaron as negociacións entre as escolas implicadas de cada universidade, "pero non fructificaron e pasaron a negociar os equipos rectorais chegando a un acordo que entendíamos que era razonable", asegura Reigosa. O acordo que se contemplou, segundo explica o reitor, foi que no primero curso o alumnado formaría parte única e exclusivamente da Universidade de Vigo e que a docencia se impartiría en Ourense, agás dúas semanas de prácticas na Coruña. En segundo, o alumnado que elixise a especialidade prevista para a UDC pediría traslado de expediente e faría alí esa orientación. "Finalmente non se substanciou en nada e a reitoría da Coruña deu un paso atrás e dixo que se desvencellaba", afirmou Reigosa.

"En novembro, unha vez que a Universidade da Coruña deu por roto o acordo, nós sentímonos libres para facer unha proposta propia e comentámoslle á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que presentara a súa memoria", explicou o vicerreitor de Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado. A proposta, aprobada este xoves polo Consello de Goberno, "é unha proposta que facemos nós como universidade", asegurou o reitor mentres engadía que "o lóxico é que este mestrado estea en Ourense e así o imos propoñer ante a Xunto de Galicia".

Sobre a petición de ser un título non interuniversitario, exlusivo da UVigo, Manuel Reigosa, puxo o foco en que "o seu carácter profesionalizante diferenza a este mestrado doutros que si son compartidos". Aínda así, engadiu que "se nalgún momento se abre a posibilidade de negociación rápida, non imos permitir que se alongue máis no tempo, seguimos coas portas abertas para que, co plan que estaba inicialmente aprobado pola escola e co visto bo por parte da reitoría, fagamos ese mestrado interuniversitario".

Memoria do Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica

A memoria, á que se pode acceder facendo clic aquí, para a solicitude da verificación do título de Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica, aprobada este xoves, foi realizada por unha comisión de redacción de cinco membros da Xunta de Centro da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Segundo explica a Universidade de Vigo, para o seu desenvolvemento mantivéronse contacto con diferentes axentes externos, como asociacións da contorna, empresas relacionadas co sector aeronáutico, centros de investigación e tecnoloxía e centros que imparten titulacións afíns.

Este título singular no Sistema Universitario de Galicia, indícase na memoria, "é fundamental para formar profesionais de alta cualificación no sector" e con el dáse a oportunidade ás e aos estudantes do Grao en Enxeñaría Aeroespacial, que actualmente se forman na UVigo, de que completen a súa formación e poidan alcanzar a titulación de enxeñeira ou enxeñeiro aeronáutico.

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo imparte desde o curso 2016/17 este grao, "que ten unha das notas de acceso máis altas de Galicia e cuxo 90 % do alumnado é galego". O mestrado, recóllese na súa memoria, deseñouse buscando o obxectivo de formar enxeñeiras e enxeñeiros aeronáuticos "preparados para o seu acceso ao mercado laboral e impulsar o desenvolvemento do sector aeroespacial en Galicia, destacando a importancia da formación de recursos humanos dentro da aposta por este sector desde o eido público e privado".

Deseñouse un plan de estudos de 120 créditos ECTS: 72 de materias obrigatorias, 36 de materias optativas (a elixir 30), 6 de prácticas externas obrigatorias e 12 de Traballo Fin de Máster. Ademáis, o título contempla a especialidade de Sistemas Espaciais, que ofrecerá ao alumnado "competencias relativas á concepción de produtos espaciais que correspondan ás necesidades do cliente, definindo funcións, conceptos e arquitecturas”" As prazas de novo ingreso ofertadas ascende a 30 e na memoria detállanse os recursos humanos, materiais e servizos dispoñibles para a súa impartición no campus de Ourense, ao que se engade o proxecto de construír un novo edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

Salir de la versión móvil